Skip to main content
ActualidadeVilalba

O Concello de Vilalba reparte máscaras entre os escolares

Por 11 Setembro, 2020Sin comentarios

O Concello de Vilalba repartirá máscaras de protección en bolsas de tela entre todos os escolares do municipio para minimizar o risco de contaxios de coronavirus.

O grupo de goberno tomou esta decisión como unha medida máis de axuda ás familias e o reparto se producirá coincidindo co comezo do curso escolar.

Ante o inicio do curso académico, o concello traballa de forma coordinada cos responsables dos centros educativos e as Anpas, tendo en conta que as competencias municipais en materia de educación limítanse ao mantemento, conserxería e limpeza dos colexios de Infantil e Primaria.

Froito dos encontros mantidos coas direccións dos centros e as Anpas, estivose traballando para a adecuación dos espazos exteriores e interiores dos colexios á nova realidade, levando a cabo unha planificación de todas as tarefas pautadas no protocolo da Consellería de Educación, o que implicará duplicar o gasto municipal en limpeza dos centros escolares sen recibir nin un só euro da administración autonómica.

“Dentro das nosas competencias, tomaremos todas as medidas posibles para que o curso comece nas mellores condicións posibles, axudando ás familias e á comunidade educativa”, asegura a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro.