Suspendida a Feira do Poldro de Muras

O Concello de Muras fixo un comunicado para avanzar a cancelación da Feira do Poldro e do Gando de Monte, que se celebra tradicionalmente o último domingo do mes de setembro no alto da Gañidoira. A pandemia da covid-19 e as altas cifras de contaxio actuais obrigan a tomar esta decisión.

A edición prevista para este ano era a XXXIII e, dende o ano pasado conta coa distinción de Festa de Interese Turístico Galego. Nos últimos anos esta celebración cobrou unha gran importancia grazas ao impulso municipal que derivou na visita de un gran número de persoas a esta zona do Xistral o que entra en contraste cos protocolos de seguridade e distanciamento postos en marcha pola Xunta de Galicia.

Nos últimos anos, a feira ampliou programación xa ao sábado aínda que o día grande segue a ser o domingo, coas transaccións de gando, concurso con premios aos mellores exemplares e promoción da Hamburguesa Gañidoira, con carne de poldro.

Etiquetas