En próximos días abrirá o prazo para solicitar as axudas a deportistas da Deputación

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou as bases dos premios para deportistas de modalidades individuais, que contan cun orzamento de 85.500 euros.

As axudas, que beneficiarán a 185 deportistas, oscilarán entre os 300 e os 1.500 euros, en función dos resultados que teñan acadados en competicións internacionais, estatais e galegas durante o ano 2019.

O 7% das bolsas están reservadas a deportistas con capacidades diferentes, sendo un total de 13 as axudas que se destinan ao deporte adaptado.

“Esta liña de axudas achega fondos a algúns dos deportistas máis destacados da provincia, contribuíndo ao desenvolvemento da súa carreira” explicou o deputado de Deportes, Efrén Castro.

O prazo para solicitar as achegas abrirase tras a publicación da convocatoria no Boletin Oficial da Provincia, nos vindeiros días.

Por outra banda, as axudas a deportistas de modalidades individuais súmanse ás achegas a entidades e clubs deportivos para gastos de actividade e organización de eventos, ás que se destina un total de 500 mil euros. O prazo para solicitar estas axudas remata hoxe.

Etiquetas