Bonos consumo Vilalba

O Concello de Guitiriz consegue unha subvención do IDAE para mellorar a ETAP

O Concello de Guitiriz conseguiu unha subvención por parte do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) para mellorar a eficiencia enerxética na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) por valor de 261.920,28 euros. Conseguirase, grazas a isto, un aforro enerxético dun 32%.

Desde o goberno local retomaranse as negociacións coa Xunta de Galicia para que asuma o restante deste proxecto, que ascende a un total de 327.400,35 euros.

Entre as intervencións a realizar na instalación destacan a do subministro de auga bruta mediante un control automático do caudal; a reposición da instalación de auga filtrada; a substitución do sistema de circulación; a substitución no sistema de filtrado; a substitución do sistema de dosificación de reactivos; o recambio dos motores de bombeo por outros con regulación electrónica e a actualización do sistema de automatización de proceso.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, destaca esta obra como ‘realmente necesaria, e que ademais permitirá ao Concello un considerable aforro nas facturas’, indicou a rexedora. ‘Xa nos reunimos coa Xunta de Galicia, e así o temos previsto na axenda, para contemplar a posibilidade de que sexa a administración autonómica quen se faiga cargo do resto do proxecto’, finalizou a alcaldesa de Guitiriz.

Etiquetas