Bonos consumo Vilalba

Comeza a andar o novo servizo de atención temperá para Friol, Begonte e Rábade

A unidade de atención temperá que agrupa aos concellos de Friol, Palas de Rei, Guntín, Begonte e Rábade deu comezo cunha reunión dos alcaldes dos concellos integrantes e do equipo técnico mantida no Concello de Friol. Esta unidade prestará os seus servizos á poboación infantil de 0 a 6 anos, ás súas familias e á contorna para dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos no seu desenvolvemento ou que teñen risco de padecelos.

Esta unidade, que conta co apoio da Xunta de Galicia, está formada por catro profesionais (logopeda, enfermeira, psicóloga e terapeuta ocupacional) que intervirán de forma interdisciplinar e transdisciplinar en coordinación co Servizo de Pediatría do Sergas no eido emocional, psicomotor, de linguaxe, de comunicación, etc do neno ou nena.

Aínda que o ámbito de actuación comprende aos concello de Guntín, Begonte, Rábade, Palas de Rei e Friol será neste último onde estará centralizada a unidade. Trátase de achegar un servizo prioritario e de calidade na atención á infancia á poboación do rural.

O Servizo de Atención Temperá ten como finalidade promover a igualdade, a saúde e a inclusión social mediante un conxunto de intervencións dirixidas a poboación infantil de 0 a 6 anos con trastornos do desarrollo ou en risco de padecelos, as familias ou o seu contorno, co fin de facilitar a autonomía persoal e a dita inclusión.

Os rexedores destacan que estas unidades son fundamentais para identificar e actuar sobre os trastornos que poden sufrir no desarrollo a poboación infantil entre 0 a 6 anos de idade, os alcaldes señalan que apostan por este modelo basado na prevención, na identificación e no tratamento precoz para dar resposta as necesidades específicas que poden presentar estes menores.

As familias que precisen información ou poñerse en contacto co servizo, podrán facelo no Departamento da unidade ubicada no edificio do Centro Sociocultural de Friol ou no teléfono 690.363.103.

Etiquetas