O Fútbol Sala nacional volve á competición no mes de outubro

Despois de moito debate e tras a publicación dun protocolo de actuación durante adestramentos e partidos, a Comisión Xestora da Real Federación Española de Fútbol reuniuse para aprobar as normas reguladoras, as bases de competición e as datas de inicio do fútbol e fútbol sala federativos.

A categoría de Primeira de RFEF Futsal, na que milita o Burela Pescados Rubén como único representante da provincia, arrincará a fin de semana do 3 e 4 de outubro. Estará composta por un grupo con 18 equipos, disputándose polo sistema de liga regular a dobre volta. Os 8 primeiros clasificados unha vez finalizada a liga regular, xogarán o playoff polo título de campión.

En canto á Primeira RFEF Futsal Feminina co Pescados Rubén Burela, que dará comezo a fin de semana do 17 e 18 de outubro, dúas semanas máis tarde, estará composta por 18 equipos, a competición disputarase xogándose polo sistema de liga regular a dobre volta e estará configurada por un grupo único. Os equipos que ocupen as catro primeiras posicións unha vez finalizada a liga regular, clasificaranse para disputar o play- off polo título de campión, habendo semifinais e final. O playoff polo título disputarase a partido único e nunha sede única.

Os equipos clasificados nas catro últimas posicións, unha vez finalizada a liga regular, descenderán a Segunda División Feminina. Pola súa banda, os equipos clasificados en 13ª e 14ª posición unha vez finalizada a liga regular deberán xogar a Fase de Promoción contra os equipos perdedores da Fase Final do playoff de Ascenso a Primeira División Feminina. Farano a partido único e en sede única.

Entre as novidades da competición, esta tempada descenden a Segunda RFEF Futsal os tres últimos equipos da táboa, mentres que o décimo quinto clasificado xogará a Fase de Promoción.

Na Segunda RFEF Futsal Feminina, na que participa o FSF Castro coa mesma data de inicio, a competición desenvolverase con 4 grupos, divididos en subgrupos. Ascenderán directamente a Primeira RFEF Futsal Feminina dous equipos. Ademais, outros dous equipos xogarán a Fase de Promoción.

Clasificaranse 14 equipos para participar na Copa de S.M. A Raíña da tempada 2021/2022.

Segunda División B

Respecto a a Segunda División B de Fútbol Sala, a competición desenvolverase en 6 grupos, que se dividirán en subgrupos. Haberá 3 ascensos a Segunda División.

Os catro equipos mellor clasificados de cada un dos 6 grupos clasificaranse para a Copa de S.M. O Rei de Fútbol sala da tempada 2021/2022. A provincia conta con representante, o Xove e esta desenvolverase a partir da fin de semana do 24 ao 31 de outubro.

No referente a División de Honra Xuvenil de Fútbol sala, a competición desenvolverase con 8 grupos, divididos en subgrupos. Clasificaranse 16 equipos para participar na fase previa da Copa de España Xuvenil de Fútbol sala, torneo ao que accederán os 8 equipos finalistas.

Nos próximos días, publicaranse os grupos e subgrupos de cada unha das categorías de fútbol sala, así como os respectivos emparellamentos do calendario para toda a tempada 2020/2021.

Tamén nesta mesma data dará comezo a categoría Xuvenil División de Honra que contará con 10 equipos co ascenso do Concello de Begonte que se suma a os outros tres representantes da provincia, o Burela, Concello de Guitiriz e Lugo Sala.

Etiquetas