Skip to main content
ActualidadePol TERRACHÁXA

Amigos de Galicia entregou material escolar a familias de Pol

Por 18 Setembro, 2020Sin comentarios

Fundación Amigos de Galicia entregou onte as mochilas con material escolar para que os menores do Concello de Pol atendidos pola entidade poidan comezar o curso en igualdade de condicións. Na entrega estiveron presentes o alcalde de Pol, Liño Rodríguez; a concelleira de deportes, Sonia Cervantes, e o presidente da entidade, Miguel Villar.

Durante o acto, Liño Rodríguez agradeceu a Fundación Amigos de Galicia a súa colaboración indispensable para poder cubrir as necesidades básicas das familias atendidas polos servizos sociais do concello e poder chegar a todas elas.

Ao comezo do curso escolar, hai menores que non contan con todo o material escolar que necesitan, por atoparse as súas familias en situación de carencia de recursos económicos. Dado que unha das actuacións principais da Fundación é a cobertura de necesidades básicas das familias en situación de dificultade económica, especialmente daquelas que teñen menores a cargo, a entidade organizou a Campaña de Material Escolar A volta ao cole máis especial co obxectivo de poder entregar unha mochila co material escolar necesario para comezar o curso aos nenos e nenas en idade de escolarización das familias en situación de risco ou exclusión social atendidas pola entidade en toda Galicia.

Este ano, a entidade ten previsto entregar un total de 1.031 mochilas en toda Galicia con material escolar adaptado á idade e o curso de cada alumno/a para que os nenos e nenas das familias que non dispoñen dos recursos precisos para afrontar o pago do material escolar que se demanda nos centros, poidan comezar as clases en igualdade de condicións que os seus compañeiros. A entidade estivo realizando esta semana a entrega das mochilas nos diferentes concellos da provincia de Lugo onde leva a cabo a súa actuación.

Cabe destacar, ademais, que ao comezo do curso moitos centros escolares detectan a falta de material en alumnos, e póñense en contacto con Fundación Amigos de Galicia para solicitar a axuda; polo que o número de mochilas entregadas continuará aumentando ao longo do mes. Na campaña do ano anterior, a entidade finalmente entregou 1.915 mochilas para menores de todo Galicia.

Estas mochilas contan con todo tipo de material escolar como bolígrafos, cadernos, cartafoles, material de debuxo para os máis pequenos, compás, regras, etc. Ademais, a entidade prepara tres mochilas diferentes adaptadas a cada curso: infantil, primaria e secundaria. Este ano tamén entregaremos pen drives, algo que nos colexios solicitan moito. A pesar de que as doazóns foron abundantes a entidade tamén se fixo cargo da compra de material.

Desde Fundación Amigos de Galicia queremos agradecer a colaboración de todas as persoas, papelerías e empresas que colaboraron na campaña, e en especial das persoas voluntarias que colaboraron facendo as mochilas para que os nenos e nenas de Galicia poidan ter un comezo de curso digno.

Doazón de mochilas One Oak

Cabe destacar tamén a especial colaboración realizada pola empresa One Oak mediante unha doazón de mochilas sostibles, unha marca que leva a cabo diferentes proxectos nos que loitan contra un problema ambiental. E é que con cada compra, reforestan unha árbore nos diferentes proxectos que están a levar a cabo. Un deles témolo moi preto, -o proxecto Galicia- nas Neves, a semente do seu movemento verde. Grazas ao seu proxecto xa recuperaron máis de 10.000 árbores nas zonas afectadas polos incendios do 2017.