Skip to main content
ActualidadeVilalba

Artistas reclaman nun manifesto o nomeamento da casa da cultura na honra de Manuel María

Por 21 Setembro, 2020Sin comentarios

Un movemento cidadá composto por poetas, escritores e artistas de diferentes especialidades e procedencias reuníronse nun manifesto no que reclaman aos poderes locais de Vilalba que reconsideren o seu rexeitamento para que Vilalba, como capital da Terra Chá, “recoñeza ao noso bardo universal aprobando o nome de Casa da Cultura Manuel María como monumento á concordia, á cultura, e ao home que amou unha Terra Chá humildosiña cun amor xeneroso, fidel e de boa lei”.

Para subliñar a súa intención refírense ao acto académico celebrado o día 15 de febreiro de 2003 no Auditorio Municipal Carmen Estévez de Vilalba, no que o propio Manuel María Fernández Teixeiro validou ante os membros da Real Academia Galega a razón de ser para que o seu discurso académico fose pronunciado na capital da chairega.

“Os que asinamos este manifesto e solicitamos a vosa adhesión, fomos testemuña privilexiada e, como moitos outros vilalbeses, sentímonos orgullosos de que o Cantor da Terra Chá elixira a nosa vila para pronunciar o discurso que o elevaba a membro de Real Academia Galega, convertendo ese día nunha data esculpida en ouro para a nosa historia, ao igual que o Día das Letras Galegas de 2016 no que foi homenaxeado como referencia cultural de Galiza”, destacan.

Aseguran que “a demora é longa” xa que levan transcorridos dezaseis anos dende que o Manuel María fose traído dende o Panteón de Galegos ilustres en Santiago de Compostela até a súa vila natal de Outeiro de Rei, onde descansan os seus restos.

“Porén, dende o respecto e a humildade, pero coa forza moral de ser os seu fillos literarios en Vilalba – Xosé Miguel Barrera e María Xosé Lamas – solicitamos a adhesión de cantos e cantas consideredes coma nós unha xusta reparación na estima da figura de Manuel María”, conclúen.