A Axencia de Órganos e Sangue pide doazóns de A+ e B+

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) fai un chamamento xeneralizado á cidadanía a doar sangue e, moi especialmente, aos doantes dos grupos sanguíneos A positivo e B positivo.

As reservas dos grupos A positivo e B positivo presentan niveis baixos, polo que resulta preciso reforzar o permanente chamamento á participación nas campañas de doazón de sangue.

Desde ADOS convídase a todas as galegas e galegos a continuar amosando o seu carácter solidario para incrementar o numero de doazóns de sangue. Cómpre remarcar que os hospitais galegos precisan mensualmente ao redor de 10.000 doazóns de sangue.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue agarda, novamente, contar coa positiva resposta da cidadanía ao seu chamamento solidario e para iso ofrecerá as máximas facilidades para doar, desprazando as súas unidades móbiles ao longo da xeografía galega. Así mesmo, tamén existe a posibilidade de doar nos locais existentes nas sete grandes cidades galegas.

Pode doar sangue calquera persoa con máis de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue (VIH, hepatite B ou C…). A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar a vida.

A axencia dispón da páxina web: ados.sergas.gal, as páxinas de ADOS en redes sociais, e o teléfono gratuíto 900 100 828 para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles. Na páxina web pódese descargar o código QR e atopar máis información.

Lembran que, aínda que se pode acudir de forma espontánea, é recomendable solicitar cita no teléfono antes sinalado.

Etiquetas