A Deputación colabora coa Asociación de Mulleres Rurais de Insua para promocionar o liño

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado da alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, asinou este martes coa presidenta da Asociación de Mulleres Rurais San Bartolomeu de Insua, Lourdes Otero Mato, o convenio de colaboración entre a institución provincial e a entidade chairega para garantir a celebración da Tasca tradicional do liño.

Tomé Roca destacou que esta axuda, de 2.000 euros, contribúe “a poñer en valor a elaboración tradicional do liño, recuperando un oficio vencellado ó rural e esquecido en moitos lugares, que forman parte da nosa historia, e que servía como punto de encontro para os veciños das parroquias, que se xuntaban para tascar”.

A XII edición da Tasca tradicional do liño terá lugar o vindeiro 24 de outubro na parroquia vilalbesa de Insua e contará con demostracións en vivo e actuacións musicais na súa programación. Ademais, manterá un escrupuloso protocolo sanitario, con capacidades limitadas para cumprir coas normativas.

A Asociación de Mulleres Rurais San Bartolomeu de Insua naceu no ano 2007 e na actualidade conta con máis de 30 asociadas. As súas actividades xiran arredor do proceso tradicional do liño, xa que ademais da tasca, encárganse de sementar a planta no mes de abril e de apañala en xullo.

Etiquetas