Skip to main content
ActualidadeXermade

A Deputación supervisa a mellora da estrada de Momán ás Pontes

Por 25 Setembro, 2020Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou este xoves as obras de mellora que o organismo provincial está acometendo na estrada LU-P-2204, que une o núcleo de Momán, en Xermade, coas Pontes de García Rodríguez, na provincia da Coruña, unha vía na que o organismo provincial investirá preto de 800.000€, entre as actuacións en marcha e o proxecto que está nestes intres en fase de licitación.

Tomé Roca, responsable da área de Xestión Territorial, comprobou o estado das obras nun treito de 3 quilómetros, dende o punto 4 ao 7, xunto ao deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o alcalde de Xermade e deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas.

O mandatario provincial explicou que ditas actuacións, que contan cun investimento de 452.000 euros, forman parte da terceira fase de mellora nesta vía, e súmanse as xa feitas no arranxo dos 4 primeiros quilómetros, con outros 475.000 euros.

Ademais, José Tomé lembrou que a Xunta de Goberno vén de licitar o proxecto de mellora, por outros 340.000 euros, para arranxar case quilómetro e medio, entre os puntos quilométricos 7,000 e 8,340. Con esta última actuación, a Deputación mellorará máis de 8 quilómetros dos 9,7 que ten de lonxitude a vía, co que só restaría pouco máis dun quilómetro para o seu acondicionamento integral.

“Trátase dun estrada moi importante, pois vertebra o concello de Xermade e toda esta parte da provincia, dando servizo aos veciños e veciñas de Momán e comunicando con As Pontes. Ademais, este é o camiño máis curto para os desprazamentos dos veciños a Santiago de Compostela e aos aeroportos”, subliñou Tomé Roca.

As obras
O conxunto dos traballos na LU-P-2204 consisten no aumento da anchura da calzada pasando de entre os 4 e os 5 metros ata os 7; drenaxe; afirmado; remodelación integral do firme con aglomerado en quente e limpeza de cunetas. Unha vez finalizada a pavimentación procederase ao incremento da seguridade cunha nova sinalización horizontal mediante marcas reflexivas brancas e recolocarase a sinalización vertical e os sistemas de contención que se vexan afectados polo ensanche da vía.

Cabreiros-Atouza
Na visita de hoxe a Xermade, o presidente supervisou tamén as melloras que a Deputación executa na LU-P-2209, de Cabreiros a Atouza. Trátase dunha vía importante, pois é a comunicación máis rápida coa parroquia de Roupar, ademais de utilizarse a diario polos condutores que viaxan pola autovía Ferrol-Vilalba (AG-64).

Os traballos, que contan cun investimento de 18.200 euros, consisten na rexeneración do firme da totalidade da estrada con tratamentos superficiais de rego asfáltico para mellorar a seguridade e as filtracións de auga. As obras estarán rematadas nos vindeiros días.

O presidente avanzou que no Pleno ordinario da Deputación que se celebrará o vindeiro martes está previsto aprobar a cesión ao Concello de Xermade do tramo antigo desta estrada que discorre polo municipio chairego, un acordo que xa foi adoptado pola Corporación municipal.

A mellora da rede viaria, unha prioridade
José Tomé destacou que, dende o principio do mandato, “marcamos como prioridade a mellora da rede viaria provincial porque cremos que a mobilidade contribúe de forma moi importante ao equilibrio territorial e á mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas. Creo que dende o Goberno estamos respondendo a ese compromiso con feitos e con obras como as que estamos acometendo e como as que seguiremos facendo en Xermade”, subliñou Tomé Roca, quen lembrou que a institución provincial ten a día de hoxe en marcha obras en estradas provinciais que supoñen un investimento de uns 5M€.