Skip to main content
ActualidadeVilalba

O PSOE de Vilalba presenta unha moción para pedir á Xunta melloras no centro de saúde

Por 25 Setembro, 2020Sin comentarios

O Grupo Municipal Socialista vén de anunciar unha proposta que se debaterá na vindeira sesión plenaria co obxectivo de instar á Xunta de Galicia a realizar unha serie de melloras no Centro de Saúde de Vilalba. O Grupo de Goberno buscará o consenso do pleno para instar á Consellería de Sanidade a que se reforce a atención telefónica aos pacientes, dotando dos medios humanos que resulten necesarios para este fin. Así mesmo, a iniciativa contempla a remodelación das instalacións do Centro de Saúde, para conquerir unha maior habitabilidade “estudando solucións como transformar os patios interiores en zonas de agarda, asegurando unha ventilación axeitada”, afirman.

Neste senso, consideran acaído dotar de zonas interiores de agarda para as persoas que acudan, “e non se vexan na obriga de esperar fóra, especialmente as persoas máis maiores ou vulnerables”. Do mesmo xeito, piden que se reanuden o antes posible as consultas de especialidades médicas como xinecoloxía ou oftalmoloxía “coas debidas garantías”.

A pandemia da Covid-19 é unha evidencia de que “precisamos reforzar o sistema de saúde pública, así como adaptármonos a unha situación excepcional que require de cambios inmediatos para a mellora da atención”. Por iso, tamén solicitan que se reforce a coordinación entre os facultativos do centro de saúde e os rastreadores encargados de trazar as cadeas de contaxio.

“Na situación actual, a Atención Primaria é absolutamente imprescindible, conforma o primeiro chanzo para a detección de casos positivos e a conseguinte prevención de contaxios”, subliñan desde o Grupo Socialista. Ademais, consideran que neste momento “os centros de saúde adoecen da escaseza de medios e de sobrecarga asistencial, motivados pola pobreza da xestión levada a cabo nos últimos anos por parte das autoridades sanitarias”. Afirman que tanto os médicos de familia, como enfermeiros/as e pediatras de atención primaria “están preocupados e preocupadas por carecer de tempo e medios para atender ás familias e seguir ofrecendo unha medicina de calidade, afogados entre o deber de atender as decenas de citas telefónicas para dar resultados de PCR, solicitudes de baixas médicas que se mesturan coas consultas telefónicas para dar atención ás demais patoloxías”.

Polos motivos expostos, agardan o maior dos consensos dentro da Corporación Municipal “polo ben dos nosos veciños e veciñas