Skip to main content
ActualidadeCospeito

Patrimonio dos Ancares denuncia danos en mámoas de Cospeito

Por 25 Setembro, 2020Sin comentarios

Membros do colectivo Patrimonio dos Ancares presentaron unha denuncia ante o Servizo de Xestión Cultural da Consellería de Cultura en Lugo por “unhas graves agresións a dúas mámoas do concello de Cospeito”. Foi na necrópole megalítica da Millarada, situada entre as parroquias de Pino e Santa María de Cospeito, formada por 32 enterramentos. Trátase dun lugar que está considerado unha das maiores concentracións tumulares do período Neolítico de Galicia.

Segundo figura na denuncia, a mámoa catalogada co número 5 da necrópole, cunhas medidas de 35 metros de diámetro e 3 de altura, foi cortada por maquinaria pesada na parte sur-oeste ao realizar unha plantación de eucaliptos, perdendo un cuarto da masa tumular. Esta mámoma está consdierada a o máis monumental, non só do conxunto da Millarada, senón do Concello de Cospeito.

A outra agresión foi á mámoa catalogada co número 21, de 34 metros de diámetro e 1,5 de altura. Foi ao realizar unha tala de piñeiros con maquinaria pesada, ocasionándolle profundos sucos.

Patrimonio dos Ancares explica que no concello de Cospeito hai 101 mámoas catalogadas “cuxo estado de conservación vai de malo a moi malo. A pesares de estar protexidas pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, os traballos agrícolas e forestais realizados sen ningún tipo de control afectaron, sen excepción, a todos os túmulos do municipio, ocasionando nun elevadísimo número de casos a súa total desaparición. E eiquí non cabe amosar descoñecemento xa que están catalogadas dende o ano 1990”.