Skip to main content
ActualidadePol TERRACHÁXA

A Deputación aproba o convenio para a construción dun centro de lecer en Pol

Por 26 Setembro, 2020Sin comentarios

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou un convenio co Concello de Pol a través do que a Deputación lle achegou preto de 400.000€ en dúas anualidades para a construción dunha nova área de lecer e deportiva en Mosteiro. Neste convenio, a parte da Deputación ascende a 392.257,80€ e a do Concello a 43.584€, o que supón un investimento total de 435.842€, que irá destinado á dotación de instalacións complementarias para uso deportivo, a iluminación e os accesos.

“Esta nova achega de case 400.000€ que aprobamos hoxe súmase ós 330.000€ que a Deputación de Lugo xa ten aportado para a área de lecer e deportiva que promove o Concello de Pol en 38.000 m² de terreo”, subliñou Tomé Roca.

O Sabor das Margaridas
Nesta sesión, tamén se aprobou un convenio coa produtora galega CTV para colaborar coa serie O Sabor das Margaridas. “Este convenio supón unha achega da Deputación de Lugo de 120.000€ para proxectar a imaxe da provincia dunha maneira internacional, tendo en conta que O Sabor das Margaridas é a primeira serie en galego que está incorporada á plataforma audiovisual Netflix”.

Tomé Roca detallou que a segunda temporada se rodou no inverno e xa foi estreada na Televisión de Galicia, pero adiantou que está previsto que nas vindeiras semanas estea dispoñible en Netflix. “A provincia de Lugo ten un papel protagonista ao aparecer como escenarios paraxes como a Ribeira Sacra, o Pazo de Adai no Corgo ou a capital lucense. Dende a Deputación consideramos que esta colaboración é unha oportunidade para a proxección internacional da nosa riqueza paisaxística e cultural”.

“Dende a Deputación de Lugo temos un apoio claro na industria audiovisual lucense e galega. Nos últimos dez anos colaboramos con máis de dez películas, series, documentais e curtas porque estamos convencidos de que temos que estar do lado do audiovisual porque é crear industria, emprego, fomentar a cultura, a nosa lingua e tamén impulsar o turismo”.