O BNG das Pontes acusa ao Goberno de apropiarse da súa iniciativa de poñer ascensores na vía pública

Hai dous anos, xustamente en setembro de 2018, o BNG publicaba un voceiro no que impulsaba e demostraba a posibilidade de instalar ascensores na vía pública en determinadas situacións co obxectivo de “mellorar a accesibilidade nas Pontes”.

“Pasaron dous anos sen que o Goberno Municipal fixese nada e, por arte de birlibirloque, dous anos despois vende a proposta como propia, até organizaron algunha charla nos Poboados de Endesa”, indican os nacionalistas.

“E para isto temos 7 concelleiros e asesores a soldo do Concello, precisamente cando máis necesitamos de impulso económico e de ideas para mellorar o pobo, temos un Goberno Municipal instalado no abandono, e en ir solucionando de calquera maneira o día a día. Pouca idea de futuro teñen”, engaden.

Os nacionalistas aseguran que seguirán a aportar solucións para a vila e lémbralles ao Goberno a iniciativa de construír unha residencia pública na Canle IV que foi presentada hai catro anos. “Se algún día van asumir tamén esta idea, por favor que non se retrasen moito, ten moita urxencia, a xente maior deste pobo merece moito respecto, e non chega con actos folclóricos senón con feitos reais e cubrindo as necesidades dunha poboación cada vez máis avellentada”, din.

Etiquetas