Skip to main content
ActualidadeVilalba

O PP vilalbés di que os socialistas “desgobernan a golpe de decreto”

Por 27 Setembro, 2020Sin comentarios

“Os socialistas de Vilalba “desgobernan a golpe de decreto”, segundo asegura a concelleira popular Sandra Vázquez, á vista da parálise do equipo presidido por Elba Veleiro. Sinala: “A ruptura do pacto con Vilalba Aberta ocasiona que leven meses sen actuar fronte os problemas dos veciños”. Sandra Vázquez analizou, en videoconferencia, coa presidenta provincial do PP, Elena Candia, a situación no municipio de Vilalba.

Os socialistas vilalbeses, di Vázquez, “ao único ao que se dedican é a criticar o labor da Xunta de Galicia, en todos os ámbitos, pero sinaladamente no educativo e no sanitario”. Como consecuencia, en Vilalba “fronte á crise que vivimos estamos sen orzamento aprobado e sen un plan para facer fronte á Covid, tan necesario, que foi proposto por parte do grupo popular, coa man tendida para axudar os que máis o necesitan”.

Debido a parálise do goberno municipal, Vilalba “perde subvencións tan necesarias no ámbito laboral (RISGA e orientador laboral), social (Unidade de Atención Temperá) e no turístico (infraestruturas turísticas)”.

Sandra Vázquez sinala que “durante a pandemia o goberno autonómico foi o único que repartiu miles de máscaras e outros elementos de protección sanitaria no noso concello para facer fronte á covid; a Xunta si fixo labor de cooperación e sensibilidade cos nosos veciños”. Engade: “O goberno municipal socialista non é capaz de efectuar unha compra de material de protección sanitaria para facer fronte a posibles rebrotes como se propuxo por parte do grupo popular nun pleno do mes de maio”. Engade Sandra Vázquez: “Pero, iso si, o goberno socialista vilalbés é campión en soberbia, prepotencia e autoritarismo”.