Celebran unha charla de prevención dos ataques do lobo nas Pontes

Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), levará a cabo un curso sobre a prevención de ataques de lobo á gandaría no concello das Pontes. Será unha xornada que se impartirá o 2 de outubro na Casa do Peso local.

Así, os asistentes ao curso recibirán formación nun único día, en horario de mañá e tarde. Para comezar, coñecerán a bioloxía e ecoloxía do lobo ibérico, a situación do lobo en Galicia e o seu impacto sobre a cabana gandeira, así como os métodos de prevención dos ataques tendo en consideración o manexo de mastíns como ferramenta de protección. Xa pola tarde, visitarán unha ou dúas explotacións da zona para analizar in situ que medidas se poden adoptar en cada caso.

Este curso está integrado no Plan de formación ao agro galego 2020, cuxo principal obxectivo é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que leva a cabo a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Polo tanto, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.

A inscrición pode realizarse na OAC das Pontes, nos teléfonos 881 930 032 o 881 930 033 ou no correo oac.seca.aspontesdegarciarodriguez@xunta.gal.

Etiquetas