Skip to main content
Actualidade

A Deputación reclamará a Xunta a desinfección dos centros educativos

Por 30 Setembro, 2020Sin comentarios

A Deputación de Lugo reclamará á Xunta de Galicia que asuma as labores de desinfección derivadas da pandemia da Covid-19 nos centros educativos porque, segundo o Estatuto de Autonomía, ten as competencias tanto en materia educativa, como sanitaria. Así se decidiu na sesión ordinaria do pleno provincial do mes de setembro celebrada hoxe a través dunha proposta presentada polo Goberno provincial, na que se abstivo o PP.

O Deputado de Cooperación cos Concellos, Xosé María Arias, asegurou que os concellos “están asfixiados por un problema de xestión autonómica, asumen custos de desinfección dos centros de ensino e non teñen medios nin información sobre como proceder”, asegurou. “A Xunta xoga a camuflar as competencias de desinfección nas de limpeza, que son moi diferentes, como se a desinfección específica derivada das necesidades dunha emerxencia sanitaria puidese asimilarse ás tarefas de desinfeccións asociadas á actividade normal dos comedores escolares ou limpeza de aseos”, manifestou o Deputado.

Arias amosou o rexeitamento do Goberno da Deputación pola improvisación, falta de diálogo e a atribución de competencias impropias aos concellos na aplicación do protocolo Covid-19 no ensino. “É necesario que a Xunta de Galicia abra un proceso de diálogo urxente coa comunidade educativa e a FEGAMP co fin de resolver os problemas derivados do protocolo, elaborado de maneira unilateral pola Xunta”. O Pleno tamén instou á administración autonómica a presentar un plan estratéxico sobre como empregar os 93M€ que recibirá do Estado a través do fondo Covid.

Ampliación dos prazos do Plan Único 2019
A Corporación provincial aprobou por unanimidade ampliar os prazos de execución e xustificación do Plan Único 2019. “Queremos entender as necesidades dos concellos, ser comprensivos, e ser realistas coa situación que estamos a vivir, por iso decidimos flexibilizar os prazos para que lles dea tempo a executar e xustificar”, subliñou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto.

O prazo de execución queda establecido no 31 de outubro do 2020 e o de xustificación no 15 de novembro de 2020.

Cesión de vías provinciais
O Pleno da Deputación tamén lle deu o visto bo á cesión de vías provinciais aos concellos da Pontenova, Xermade, Ribeira de Piquín e Lugo. No caso da Pontenova, pasa a ser de titularidade municipal a estrada LU-P-4805, que une Boulloso con Dodrín e Figueirúa, debido a que comunica estes tres núcleos de poboación da parroquia de Conforto sen continuidade cara outros núcleos, nin comunicando con ningunha outra estrada que non sexa municipal.

En Xermade, a Deputación cede un pequeno treito da LU-P-2209 de Cabreiros a Touza, na intersección coa estrada LU-861. No caso de Ribeira de Piquín, cámbiase a titularidade da vía LU-P-5403, que vai de Santalla a Piquín. E en Lugo, cédense dous treitos dos viais das estradas provinciais LU-P-2902 e LU-P-2924, pois teñen vocación de converterse a curto prazo en estradas de carácter urbano.

PP

O portavoz popular, Javier Castiñeira, criticou a decisión do equipo de goberno de non apoiar a  proposición que presentou o seu grupo para solicitar a rebaixa do prezo do solo industrial nos polígonos que xestionan na provincia a Entidade Pública Empresarial de Suelo (Sepes) e Suelo Empresarial del Atlántico (SEA). Castiñeira manifestou: “O obxectivo era que tanto Sepes como Sea, que son sociedades estatais, establezan bonificacións para o solo industrial que teñen na nosa provincia (cinco polígonos en total), porque a día de hoxe teñen prezos bastantes caros, moito máis caros que os de Xestur (Xunta de Galicia), que si está a facer os seus deberes. Cremos que o actual é un momento no que se necesita iniciativa empresarial e motivar aos nosos emprendedores; cremos que na provincia de Lugo debemos empezar por rebaixar o prezo do solo industrial no que ten participación o Estado para fomentar a instalación de empresas”.

ALCOA

O grupo provincial do BNG logrou a unamidade do Pleno provincial para solicitar a intervención de Alcoa San Cibrao. A formación nacionalista sacou adiante unha moción na que se solicita que “as administracións do Estado e galega aposten pola intervención pública para a nacionalización da planta de aluminio, de forma que se garanta a continuidade da actividade e dos postos de traballo”.

O voceiro provincial, Efrén Castro, que comezou a súa defensa da moción cunha mensaxe de “ánimo e forza ás traballadoras e traballadores que seguen manifestándose e loitando polo seu futuro e polo da comarca da Mariña e do país”, expuxo os argumentos do BNG para defender a intervención pública como a única alternativa para manter os postos de traballo e a actividade industrial na factoría de San Cibrao.

“Alcoa leva moito tempo dando mostras de que non quere a venda, quere irse e quere facelo sen dar entrada nese mercado á competencia. Alcoa pensa na súa conta de resultados. Asi funciona o neoliberalismo. E ante esa situación, non queda outra saída que a intervención e o Estado e a Xunta teñen os mecanismos para facelo”, expuxo o voceiro nacionalista.

“Están moi ben as boas vontades, todos detrás da mesma pancarta, pero estamos no momento en que os que teñen as competencias teñen que decidir. Vamos deixar que Alcoa se ría dos traballadores e de todas as galegas e galegos ou imos exercer as competencias que teñen o Estado e a Xunta de Galicia e intervir a planta? Iso é o que está enriba da mesa”, urxiu.

Tras confirmarse os votos a favor da moción de socialistas e populares, Efrén Castro agradeceu o apoio “para saír do Pleno cun acordo para salvar os postos de traballo e o futuro industrial da Mariña” malia a diversidade dos posicionamentos ideolóxicos, e insistiu na necesidade de que o acordo “non quede só en palabras” e se corresponda coas decisións dos gobernos do Estado e da Xunta.

Ademais da intervención pública, a moción reclama que “o Estado aprobe un Estatuto do Consumidor Electrointensivo, que garanta un prezo estable, predecible e asumible”, a “creación dunha tarifa eléctrica galega, que permita abaratar o custo da electricidade tanto para as empresas como para os particulares”.