Volve a maxia á programación da casa-museo de Manuel María

A Casa-Museo Manuel María retoma esta fin de semana a súa habitual programación cultural. “A cultura non pode estar confinada, sinálase desde a Casa-Museo Manuel María, e seguindo estritamente as indicacións sanitarias motivadas pola covid-19, a actividade cultural volta á Casa-Museo para seguir ofrecendo ao público que a miúdo nos segue un espazo de encontro onde poder participar e desfrutar de propostas galegas da ampla variedade de expresións culturais. Por tanto, esta fin de semana ofrecemos dúas actividades para o público familiar e adulto seguindo coa nosa intención de diversificar a oferta para todas as idades”, din.

Será Martín Camiña o primeiro en inaugurar a temporada no auditorio da Casa-Museo e farao o sábado 3, ás 18 horas, co espectáculo Feitizos e ilusións. Dirixido para público familiar, a partir de 6 anos, a maxia, o humor e a participación das espectadoras son os aspectos a salientar desta actividade que presenta este mago galego de ampla traxectoria.

A segunda das actividades propostas, e sempre que o tempo climatolóxico acompañe, será un roteiro, o domingo ás 10 hrs, con saída desde a Casa-Museo, por algúns dos lugares de Outeiro de Rei máis íntimos de Manuel María. Orlando Viveiro, divulgador cultural, será o encarregado de descubrir ás persoas asistentes o medio e o patrimonio da parroquia, coa compaña da poesía e textos do propio poeta. A camiñada ten unha duración de tres horas e o percurso é de dificultade baixa.

As persoas interesadas nalgunha destas dúas actividades teñen que facer reserva previa no correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal

Etiquetas