Skip to main content
ActualidadeXermade

O PSOE esixe á Xunta que desbloque a mellora da estrada de Cabreiros a Momán

Por 1 Outubro, 2020Sin comentarios

A parlamentaria socialista Patricia Otero esixiulle hoxe á Xunta que desbloquee a mellora da seguridade na estrada autonómica LU-170 que une Cabreiros e Momán, no Concello de Xermade. A responsable socialista presentou na Comisión de Obras Públicas unha pregunta oral con esta “demanda unánime da corporación municipal, incluído o PP, e a Federación Provincial de Asociacións de Veciños”.

Otero alerta de que o firme atópase nun “estado deplorable e perigoso, co firme deteriorado, curvas de difícil trazado e ancho insuficiente” ata o punto de que resulta “imposible que se crucen ao tempo un vehículo e un camión pequenos”. Sinalou que “ademais de perigoso, a falla no arranxo ten paralizado o polígono industrial da localidade, ao que non poden acceder os transportes especiais, dificultando o desenvolvemento de Xermade”.

A responsable socialista criticou que o goberno galego puxera como escusa hoxe a falla de intensidade do tráfico na vía, o que está provocado “polas condicións deficientes nas que se atopa a vía”. Salientou a evidencia de que non exista circulación ao Polígono porque simplemente non pode circular polo vial, Sinalou que os veciños “prefiren ir a As Pontes por outras estradas máis longas”.

Promesas incumpridas

Patricia Otero acusou ao goberno galego de incumprir o seu compromiso, publicado no DOG en 2011, que incluía a mellora de interseccións, reforzo do firme, novos cambios de sentido e unha nova glorieta entre a LU-170 coa LU-2205 a Miraz e a LU-2213 co parque empresarial de Xermade. Un compromiso que, sinalou, foi reiterado en 2015, “outro ano previo a eleccións autonómicas”, co anuncio de melloras na estrada e que “quedou tamén nunha nova promesa incumprida”.

Sinalou que “é o momento dos feitos, e que demostren que apostan polo rural” cumprindo unha promesa que se remonta a 2011 para dotar á localidade de “infraestruturas necesarias e axeitadas ao século no que vivimos”. Urxiu ao goberno galego a “apoiar ao rural non só con eslóganes, senón tamén con feitos”, e reclamou “facer realidade as reivindicacións do mundo rural e do Concello de Xermade”.