O Pleno de Muras aumenta as axudas da luz e de estudantes

O goberno local de Muras sacou adiante co voto unánime da corporación municipal, as bases de axuda ao pago da factura da luz e as de estudantes, no Pleno celebrado esta semana na casa consistorial. Nas bases da luz, a diferencia do ano pasado, incorporouse unha nova liña de axudas, destinada aos autónomos, pequenas empresas ou explotacións agropecuarias radicadas no municipio, para subvencionarlles tamén o pago da factura da luz, cunha contía fixa de ata 1.500 euros. Esta liña incorpórase como unha medida que intenta paliar a incidencia na economía local da crise provocada pola pandemia da covid-19, e no marco das conversas que se mantiveron entre os grupos municipais.

Ademais, manterase a liña de sempre dirixida a subvencionar os gastos domésticos con unha subvención de ata 600 euros para cada familia. O que si cambia é que para chegar á máxima cuantía elévase o tope e este cobrarse en fogares con restas infereriores a 15.000 euros, cando antes eran para os de menos de 11.000 euros.

Estas novas axudas volverán convocarse no mes de febreiro, como vén sendo habitual no Concello, para cubrir os gastos do ano 2020.

O alcalde da localidade, Manuel Requeijo, manifestou que “con estas bases, seguimos a senda dos últimos anos, incrementando as contías e os beneficiarios. Agora os autónomos poderán ter unha pequena axuda do concello que sempre lles vén ben, á falta de axudas da Xunta de Galicia”.

ESTUDANTES

Por outra parte, tamén se aprobaron as bases das axudas destinadas aos estudantes e neste sentido, mantivéronse as contías do ano pasado, e introduciuse como novidade, unha liña de axuda de 100 euros, destinada a subvencionar a contratación de internet nos fogares, posto que é necesario que os estudantes conten cunha conexión de velocidade media-alta, para combater a brecha dixital, e garantir que todo o alumnado de Muras matriculado en calquera nivel educativo conte con estes tipo de conexión, dado que en calquera momento poderían tomarse medidas de restricións de movementos, e atoparnos de novo coa ensinanza semi-presencial.

O rexedor engadiu que “tamén queremos que haxa internet en todos os fogares dos alumnos de Muras, non vaia a ser que suspendan as clases de novo pola pandemia esta. Debemos estar preparados por se acaso, por iso animo a que instalen a conexión nas súas casas”. Por último, Requeijo engadiu que “os alcaldes nestes tempos, debemos pensar nos veciños, sobre todo nos máis vulnerables e facer políticas para facer unha sociedade máis xusta e igualitaria”.

OUTROS ASUNTOS

O Pleno aprobou tamén a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola expedición de documentos administrativos e a da impost sobre construfión, instalacións e obras (ICIO) con modificacións importantes no tocantes ás rebaixas xa que antes estaba nun 2,4% e agora vai graduado dende o 1% para traballos orzamentados ata 100.000 euros. O crecemento prodúcese cun punto por cada 100.00 euros de custe.

O obxetivo deste cambio tamén é, como subliña o alcalde “incentivar a construción en Muras e deste xeito facilitar tamén a instalación de empresas neste municipio”.

Outro dos puntos consistiu na aprobación das contas xerais do 2019, que estiveron en exposición pública durante o tempo regulamentario e que non recibiron ningunha reclamación e que polo tanto foron aprobadas como un mero trámite.

 

Etiquetas