O Concello das Pontes mellora a dotación de servizos públicos no lago

O Concello das Pontes iniciou os traballos de dotación de servizos públicos na praia do Lago, un proxecto financiado pola Deputación da Coruña.

O proxecto, executado por unha empresa local e cun orzamento de 139.928 euros, consiste na instalación de catro módulos prefabricados, de 14,75 metros cadrados cada un, dous dedicados a baños e ducha e dous a kiosko-bar e dúas plataformas con ducha para, deste xeito, avanzar no acondicionamento integral do lago.

A través da instalación destes módulos ofrecerase un maior servizo á veciñanza, acorde coas súas necesidades, substituíndo os baños químicos por unha instalación permanente, sostible, resistente, durable e acorde coa contorna do lago.

Os outros dous módulos remplazarán aos kioskos existentes e está previsto que o Concello saque a concurso público a concesión da explotación do servizo.

Estas actuacións súmanse ás xa executadas entre as que destacan a creación dunha rede de electricidade, de saneamento así como de abastecemento de auga para dar servizo aos módulos prefabricados e ao conxunto da praia do lago das Pontes.

No caso da rede eléctrica, na glorieta de acceso ao lago instaláronse dous armarios para aloxar os cadros de mando de dúas novas liñas, nas que se poden conectar ata 3.000W en cada unha delas. Ademais efectuouse a conexión da actual arqueta, situada fronte ao punto de información turística, coa zona de praia a través dunha nova canalización, con arquetas cada 40 metros.

Por outra banda, dotouse á praia do lago dun servizo de saneamento que permite a recollida de augas fecais, a través da instalación dunha estación de bombeo e a execución dunha canalización ao longo de toda a praia.

Polo que respecta á rede de abastecemento, acometeuse tamén unha nova instalación, a partir do punto de información turística, para continuar coa canalización existente e, deste xeito poder levar o servizo de auga potable ata a zona de praia. Estes traballo tamén incluiron a instalación de bocas de rego, de unións de tramos, de válvulas de comporta para illar tramos da rede e das acometidas precisas.

Etiquetas