Enquisa Mobilidade

O Iescha, preocupado polo estado do Mupav

A xunta directiva do Iescha fixo público un comunicado no que manifesta a súa preocupación pola situación que está a sufrir dende hai anos o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, “que presenta un estado lamentable das instalacións debido á falta de mantemento, responsabilidade do Concello, propietario do inmoble”.

Explican que para a conservación e o estudo do patrimonio bibliográfico e dos restos arqueolóxicos, expostos ou depositados, debe contar cun orzamento suficiente que lle permita desenvolver as actividades propias de tal institución (conservación, investigación, difusión e outras) “e ser un referente importante non só para a cidadanía e para os centros educativos, senón tamén como lugar de interese para as persoas que se achegan a Vilalba facendo o Camiño Norte de Santiago ou en visita turística”.

O Iescha, como entidade cultural difusora do patrimonio material e inmaterial de Galiza e nomeadamente da Terra Chá, considera que “o Concello de Vilalba debe amosar sensibilidade e apoiar esta entidade para non deixar esmorecer o único museo da nosa vila, que pode ser ademais un punto de atracción permanente para o turismo cultural”.

Engaden que no Concello de Vilalba, tanto dende o punto de vista histórico canto dende o aproveitamento turístico-cultural, hai xacementos moi importantes, como por exemplo a Pena Grande de Santaballa, “que esmorece entre as toxeiras malia a ser propiedade municipal dende que a institución municipal solicitara a súa cesión ao estado español para o seu estudo, difusión e posta en valor, o que non fixo dende que é propietario. As institucións que conservan os restos do noso pasado conservan parte da nosa entidade, que é o que fomos e o que somos”.

Etiquetas