Subdelegación do Goberno e Endesa analizan a situación da central das Pontes

A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, mantivo unha reunión co director xeneral territorial da zona norte de Endesa, Miguel Temboury Molina, para analizar a situación da central das Pontes. O encontro prodúcese tras a reunión mantida a pasada semana pola subdelegada do Goberno cos representantes das empresas auxiliares da central.

Un dos puntos analizados na reunión foi precisamente o número de traballadores pertencentes ás empresas auxiliares que poden estar afectados polo peche da planta xa que existe diferenza neste sentido entre os representantes sindicais e Endesa. De feito, a subdelegada do Goberno trasladou ao representante da empresa as inquietudes e preocupacións manifestadas polos traballadores, aínda que o director xeneral territorial remitiuse aos datos facilitados polas propias empresas auxiliares á hora de cuantificar o número de posibles afectados.

Miguel Temboury explicou tamén a Pilar López-Rioboo a situación das probas de co-combustión que se están realizando na actualidade á vez que detallou a grandes liñas o plan de futuro previsto por Endesa, que destacou que prevé priorizar o emprego dos traballadores das empresas auxiliares, incidindo así mesmo nos plans de formación, os plans ambientais e os proxectos de futuro para a zona, para os que require novo chan industrial, en cuxa consecución está a traballar conxuntamente co Concello das Pontes e a Xunta de Galicia.

Etiquetas