Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

O PP de Guitiriz critica a construción das beirarrúas na estrada Parga-Pena Moscosa

Por 9 Outubro, 2020Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular de Guitiriz lamenta que a construción das beirarrúas da rúa Santa Lucía de Parga, nas marxes da estrada de titularidade provincial que une a localidade con Pena Moscosa, non se realice pensando na seguridade e utilidade para os veciños da vila. Os populares piden ao goberno local que as beirarrúas se fagan pegadas ás casas e un pouco máis estreitas, sobre todo a da marxe esquerda en dirección a Cercedo, deixando unha zona sen pavimentar entre elas e a calzada pavimentada.

Os populares explican que “moitos veciños están en contra de como se están a facer as beirarrúas” porque “non queda espazo entre as beirarrúas e a calzada” e, polo tanto, “a estrada quedará moi estreita e, incluso, os vehículos grandes deberán axustarse moito á calzada e aínda así poden rozar cos espellos retrovisores aos peóns que circulen polas beirarrúas”.

Ademais da posibilidade de constituír un problema para a seguridade dos peóns, dende o Grupo Municipal Popular guitiricense cren que “o feito de que a estrada quede tan estreita suporá que nos días de feira, festas ou outros eventos que se desenvolvan na vila, unha das súas principais entradas por ser unha vía con bastante tráfico se converta nun embudo ao longo de 300 ou máis metros”.

Os populares sinalan que non quedará espazo de aparcamento para as persoas que vaian nos seus vehículos visitar aos veciños da zona. De tratarse de persoas maiores ou de calquera con dificultades para a mobilidade e que requira axuda para baixarse do coche, “terá que facelo na propia calzada”. É por iso polo que dende o PP de Guitiriz recollen as propostas dos veciños para que se habiliten aparcamentos na marxe dereita onde hai terreo suficiente.

Beirarrúas ata o campo de fútbol e senda pavimentada ata a Pena Moscosa
Os populares manifestan estar de acordo coa construción das beirarrúas, pero tendo en conta as características do lugar e as peticións dos veciños. Durante o mandato anterior, o Grupo Municipal Popular xa presentara ante a corporación municipal unha moción solicitando a construción de beirarrúas ata o campo de fútbol e dende ese punto ata a Pena Moscosa, unha senda pavimentada.