Bos resultados do conxunto Xuvenil das Pontes na Travesía Ría de Foz

Este domingo celebrouse a 58.ª edición da Travesía Ría de Foz cunha alta participación de deportistas galegos e asturianos, demostrando unha vez máis que o piragüismo, como outros deportes ao aire libre, pode practicarse incluso na situación actual con seguridade, inda que sempre con precaución.

O equipo pontés participou con parte do seu equipo cadete e un k2 veterano. En homes, os cadetes Antón García e Pablo Vispalia foron terceiros no k2 e Fran Gabeiras 17º no k1 despois dunha desafortunada caída provocada polas ondas que normalmente fan acto de presencia nesta regata. En mulleres e na mesma categoría, Celia Durán acadou a primeira posición, sendo tamén o primeiro k1 muller en entrar na meta, e Inés Domínguez foi 6ª, e xa, para rematar, os veteranos Antonio Polo e Ernesto Gancedo venceron na súa categoría en k2.

A vindeira fin de semana o equipo do Xuvenil-Matojoma desprazarase a Ribadumia para a última regata da liga galega da tempada.

Etiquetas