Skip to main content
ActualidadeVilalba

O Ceip Terra Chá acolleu a campaña dos Bolechas para formar aos pequenos ante as emerxencias

Por 13 Outubro, 2020Sin comentarios

O Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Terra Chá de Vilalba acolleu hoxe a campaña que desenvolve a Xunta de Galicia para achegar aos escolares pautas de actuación ante unha situación de emerxencia, protagonizada polos coñecidos personaxes infantís Os Bolechas.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na iniciativa e explicou que o obxectivo é ensinar a os menores a identificar situacións de urxencia e facer uso do teléfono 112 para comunicar a alerta.

A campaña está promovida pola Axencia Galega de Emerxencias e inclúe unha páxina web na que o alumnado, os docentes ou as familias poden descargar unidades didácticas e participar en xogos e actividades que lles permitirán aumentar os coñecementos e habilidades para realizar unha chamada efectiva ao servizo de atención telefónica.

O proxecto iniciou o seu percorrido na provincia de Lugo o pasado día 2 de outubro, nos colexios Luís Díaz Moreno, de Baralla, e San Xoán, de Becerreá; visitará en total 22 centros noutros tantos concellos da provincia e rematará o vindeiro venres na Mariña, en concreto co alumnado do CEIP Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo), CEIP do Vicedo, o colexio de Riotorto e o Landro de Viveiro. Mañá estará nos colexios de Bretoña (A Pastoriza) e Meira, e o xoves en Monterroso.

A web permite acceder a material útil para o traballo na aula ou na casa dos conceptos e destrezas coas que se pretende afondar na necesidade de usar de forma racional e responsable o número único europeo 1-1-2. Así, a través dos xogos e do coñecemento, os cativos e as súas familias poderán aumentar a súa capacidade de resposta ante unha situación de verdadeira emerxencia e terán acceso ás medidas que poden adoptar para protexerse.

Actividades

Entre as actividades que se poden atopar nesta web destacan as unidades didácticas sobre como identificar unha emerxencia, como facer que a chamada ao 1-1-2 sexa áxil e efectiva co fin de acadar a resposta máis axeitada posible, como se organiza a atención telefónica de emerxencias en Galicia e os recursos de intervención dispoñibles. Ademais, inclúese material para a aprendizaxe dos primeiros coidados cando a situación non require de medios especializados, así como cal debe ser o noso comportamento e medidas de protección ante emerxencias de risco vital.

A parte lúdica consiste en xogos e actividades que van desde os quebracabezas ás sopas de letras con diferentes graos de dificultade e o gran trivial, que permitirá aos usuarios da web poñer a proba os seus coñecementos.