Arrinca este sábado o Rallye San Froilán, que pasará por Friol e Outeiro de Rei

Este xoves presentouse na Praza de San Marcos a 42 edición do Rally San Froilán, que se disputará o sábado nos concellos de Outeiro de Rei, O Corgo e Friol e que conta cunha achega de 30.000 euros da área de Deportes.

127 pilotos participan na proba, coa que se retoma o calendario do Campionato Galego de Rally, parado tras a disputa da primeira carreira pola crise sanitaria da Covid 19. Víctor Senra,Iago Caamaño, Alberto Meira -gañador da última edición – e os lucenses Adrián Díaz, Francisco Dorado e Antonio Fernández son algúns dos candidatos a ocupar os postos do podio ao remate do rally, que se desenvolverá seguindo o protocolo elaborado pola Federación Galega de Automobilismo.

No acto de presentación, coa presenza en San Marcos dalgúns dos coches que competirán no rally, o deputado Efrén Castro explicou que “desde a área de Deportes optamos por manter o apoio aos eventos deportivos que se adapten á normativa vixente e aos protocolos elaborados polas autoridades sanitarias e subliñou o esforzo levado a cabo pola Escudería Miño Lucense para adaptarse ás novas circunstancias”.

Ademais, pediu a colaboración de todas as persoas “participantes e afeccionados para que o Rally San Froilán, que xa é emblemático, aumente a súa lenda saíndo adiante tamén nun ano tan complicado coma este”. Efrén Castro referiuse tamén á participación na proba de Carlos Rodríguez Casanova, gañador do premio Volante Deputación promovido pola área de Deportes para que pilotos noveis teñan a oportunidade de acceder á competición automobilística sen custe.

Pola súa banda, a presidenta da Escudería Miño Lucense, Maite Vilanova, remarcou o alto nivel dos participantes, “temos un rally incrible, quizais a mellor lista de inscritos que se podería ter neste momento”, e sinalou que “a carreira será retransmitida por streaming a través da web e do facebook da Escudería Miño Lucense”.

No acto de presentación, tamén interviron o xefe provincial de Deportes Manuel Otero, a subdelegada do goberno Isabel Rodríguez, o concelleiro de Deportes de Lugo, Miguel Fernández e presidente da Federación Galega de Automobilismo Iván Corral. Tamén estiveron presentes alcaldes e edís dos concellos de Outeiro de Rei, Friol e O Corgo.

Programa

Os vehículos realizarán as verificacións técnicas e administrativas precisas para participar na competición mañá venres, ao longo da tarde, no aparcadoiro do Auditorio Municipal Gustavo Freire.

O sábado disputarase a carreira, en tres tramos a tres pasadas, nos itinerarios marcados nos concellos de Outeiro de Rei, O Corgo e Friol (xúntase horario dos tramos)

Os reagrumentos e o parque cerrado final realizaranse tamén no aparcadoiro do Gustavo Freire onde o domingo se celebrará a entrega de premios.

Protocolo da Federación Galega de Automobilismo

No desenvolvemento do rally seguirase o protocolo elaborado pola Federación Galega de Automobilismo, seguindo as indicacións da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

O uso de máscara será obrigatorio para todos os participantes, excepto cando
estean no coche competindo ou preparados para competir nos treitos cronometrados. Os equipos pasarán varios controis de temperatura ao longo da xornada.

O uso de máscara e o control de temperatura tamén será obrigado para calquera persoa que acceda as zonas de asistencia e recintos de traballo e reagrupamento. O acceso estará limitado en función do espazo dispoñible para manter a distancia interpersoal mínima de 1,5 metros.

Aberto o prazo de solicitude das axudas a pilotos

Este xoves abriu o prazo para solicitar as bolsas para pilotos de rally, dirixidas a deportistas de rally de asfalto, terra e montaña. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios telemáticos na sede electrónica da Deputación de Lugo. O prazo manterase aberto ata o 28 de outubro, incluído.

Para optar ás bolsas, as persoas solicitantes deberán acreditar a participación nunha das catro probas oficiais federadas que se disputaron na provincia en 2019 (Rally San Froilán, Rally da Ulloa, Subida a Chantada e Subida á Pontenova) ou, no seu defecto, noutras dúas probas de carácter oficial e federado.

Outorgaranse un máximo de 25 bolsas, cun importe que oscilará entre os 300 e os 5.000 euros, en función dos méritos acreditados por cada solicitante. O importe destinado a esta liña de axudas é de 45.000 euros.

Etiquetas