Skip to main content
AbadínActualidade

Comeza a fase de experimentación con prototipos anti néboa nun tramo anexo á A-8

Por 16 Outubro, 2020Febreiro 10th, 2021Sin comentarios

O Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, Mitma, iniciou a fase de construción de prototipos e experimentación en campo de solucións innovadoras para resolver os problemas causados pola néboa á circulación viaria no tramo da Autovía A-8, entre Mondoñedo e A Xesta, na provincia de Lugo.
Mitma formalizou a finais de 2019 sete contratos de servizos de investigación e desenvolvemento da “Compra Pública Precomercial (CPP), para o deseño, implementación e experimentación con prototipos de tecnoloxía innovadora relativa a sistemas de protección antinéboa na Autovía A-8, entre Mondoñedo e A Xesta”. Tres deles, (correspondentes ao lote 1), para o desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas en sistemas de axuda á condución en situacións de néboa, e os catro restantes (lote 2), para o desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas en sistemas que actúan sobre a néboa, mediante o seu illamento, eliminación ou desprazamento.
O importe total dos citados contratos de servizos é de 5,64 millóns de euros.
A Compra Pública Precomercial (CPP) está cofinanciada nun 80% a través do Programa Innocompra do Ministerio de Ciencia e Innovación, mediante o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2014- 2020. Para facelo posible, Mitma asinou en 2017 un Convenio FID (Fomento da Innovación Empresarial desde a Demanda), co entón encargado do programa, o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade.
Esta iniciativa contribúe á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ( ODS) cos que está comprometido o Mitma, concretamente ao ODS 9: Industria, Innovación e Infraestrutura.
Compra Pública Precomercial. Fase de experimentación en campo
A CPP está a desenvolverse en competencia por fases temporais de carácter eliminatorio e de forma independente para cada lote. Nese marco, iranse seleccionando progresivamente as mellores solucións para resolver a problemática existente. Así, contémplanse no prego de condicións do procedemento as seguintes fases temporais:
− Fase 1, recentemente finalizada, de demostración da viabilidade das solucións propostas. Cada un dos adxudicatarios realizou os estudos e demostracións necesarios para demostrar a eficacia e a viabilidade técnica e económica da súa proposta.
− Fase 2, de construción e experimentación en campo a escala real cos 4 prototipos seleccionados da fase 1 (2 por cada lote), con obxecto de verificar o correcto funcionamento dos desenvolvementos teóricos nunha contorna real nas condicións de néboa características do tramo da A-8 entre Mondoñedo e A Xesta. Esta Fase 2, que agora se inicia, virá condicionada pola presenza de eventos de néboa durante o período de realización das probas.
As dúas propostas correspondentes ao lote 1 de axuda á condución, que superaron a fase 1 consisten nun sistema de balizamento lateral da vía con luz láser e nun sistema de sinalización horizontal con tecnoloxía LED proxectada sobre a calzada.
No caso das dúas propostas correspondentes ao lote 2 sistemas que actúan sobre a néboa, que superaron a fase 1, baséanse nun sistema de difusión automático por aspersores de materiais higroscópicos e na combinación de barreiras estáticas e barreiras dinámicas que empregan dispositivos fluído-mecánicos. Unha vez validada a tecnoloxía ensaiada, procederase a unha contratación convencional para a construción dos sistemas antinéboa seleccionados para resolver a problemática existente.