Vilalba Aberta pregunta pola devolución dos cartos das actividades municipais

Vilalba Aberta vén de presentar a súa primeira iniciativa de cara á vindeira sesión ordinaria de novembro. O obxectivo da formación é que o equipo de goberno dea conta da situación na que se atopa o proceso de devolución proporcional, por servizos non prestados, das cotas mensuais da Piscina Municipal, das Escolas Deportivas, así como das da Escola Municipal de Teatro.

Unha reivindicación, que parte das numerosas denuncias veciñais en relación coa tardanza do Concello nos publicitados reintegros, así como no que ten que ver coa falta de información por parte dun equipo de goberno que, tal e como censurou o voceiro municipal da formación, Modesto Renda, “de novo fai gala da súa incapacidade manifesta nos aspectos organizativo e de xestión, nomeadamente naqueles asuntos que requiren do máis mínimo proceso de tramitación”.

Na mesma liña, e no que ten que ver coa Piscina Municipal, dende Vilalba Aberta censuran que o Concello derive as reclamacións a unha empresa concesionaria, cuxa resposta é que “están pendentes dos trámites do Concello de Vilalba.”

“Uns por outros e a casa sen barrer”, declarou Renda, ao tempo que cualificou de “incomprensible” que se lle comunique aos usuarios afectados que “as devolucións se farán efectivas cando a instalación recupere a total normalidade nos seus servizos”.

Unha visión compartida pola súa compañeira de grupo e vicevoceira municipal da formación, María Xosé Fernández, que, de novo, lamentou a “evidente falta de planificación e organización” dun equipo de goberno que “sempre chega tarde” e ao que, ademais de urxir a axilizar o proceso de tramitación, pedirán explicacións diante da veciñanza, pola vía dunha petición de comparecencia en Pleno dos edís de deportes e economía e facenda.

Etiquetas