Skip to main content
ActualidadeVilalba

Pilar Novo Pérez: “Facemos unha auditoría do contrato eléctrico e buscamos o mellor para o noso cliente”

Por 18 Outubro, 2020Sin comentarios

No ano 2013 abriu en Vilalba, unha asesoría especializada no campo da eficiencia enerxética sostida por un equipo técnico formado por un grupo de profesionais cuxo obxectivo é ofrecer aos seus clientes unha asesoría técnica a través de estudos, diagnósticos, auditorías e servizos orientados á xestión e eficiencia enerxética. En base a un contrastado coñecemento técnico dispoñen de dúas áreas de servizos diferenciadas; a de Proxectos e Servizos técnicos de enxeñería e a de Asesoramento enerxético.

Ao fronte da mesma atópase María del Pilar Novo Pérez, que nos explica cal é o eixe principal desta empresa, que se localiza dende 2018 na praza da Constitución, e o traballo do que se nutren os seus clientes.

Como xurdiu a idea?
Como consecuencia da diversidade e complexidade da regulamentación do sector e a liberalización do mercado que trouxo como consecuencia a apertura regulamentaria a outros intervenientes e que ata o momento estaba en mans exclusivas das cinco grandes compañías enerxéticas.

Que tipo de servizos prestan?
No noso caso prestamos servizos avanzados de xestión enerxética, desde a contratación pasando polo control, xestión e negociación da enerxía dun punto de subministración e a posibilidade de estudar diferentes medidas de aforro enerxético para os mesmos como autoconsumo, LED…
No fondo, a nosa función consiste, en palabras coloquiais, en traducir a factura eléctrica e de gas dos nosos clientes, controlar que na factura estea o que se contratou e buscar as mellores opcións para que o noso cliente pague o menos posible tanto con medidas de optimización como de contratación.

Cales son os servizos máis demandados?
No fondo todos son necesarios e imprescindibles pero o que primeiro nos dá a coñecer e que fai que o cliente confía en nós é a auditoria do contrato de subministración eléctrica e de gas na que facemos un estudo exhaustivo da mesma e vemos as diferentes ofertas do mercado e o mellor para o noso cliente.

Cales son as últimas novidades do sector?
Nestes tempo nos que mirar polo medio ambiente é tan necesario na loita contra o cambio climático unha das principais novidades que hai no noso sector é a aparición do autoconsumo e das compañías eléctricas de orixe renovable que favorecen a redución da pegada de carbono na nosa sociedade.

Por que contratar un asesor enerxético?
O gasto enerxético é un dos gastos máis importantes de calquera empresa ou negocio. Cos coñecementos adecuados podemos velo reducido considerablemente sen necesidade de realizar ningunha inversión inicial.

Cambiou o traballo nestes últimos tempos pola pandemia?
Como todo neste momento tan complicado no que vivimos tamén cambiaron os nosos métodos e tivemos que adaptarnos tamén tanto ao teletraballo como ás visitas en liña vía telemática.