O PP reclama que a nave da Deputación en Begonte pase a ser centro de formación de canteiros

O grupo provincial do PP reclama do goberno presidido polo socialista José Tomé a posta en servizo como centro de formación de canteiros da nave de que dispón a Deputación en Begonte, que hoxe só se utiliza como almacén de cousas varias. A imaxe máis coñecida actualmente destas instalacións é a do catamarán Pelegrín I, varado no terreo no que se encontran estas instalacións despois de afundirse no Miño.

O portavoz provincial dos populares, Javier Castiñeira, explica: “O grupo provincial popular, xunto co alcalde de Begonte, José Ulla, visitou a nave que a Deputación de Lugo ten en Begonte, no polígono industrial, no que era o antigo taller de Manuel Mallo. Unha vez máis, un proxecto fallido do goberno provincial, do bipartito, pero especialmente dos presidentes socialistas: primeiro Besteiro, despois Darío Campos e agora José Tome”. Sinala: “Son unhas instalacións formidables: nunha parcela de máis de 56.000 metros cadrados, unha nave de 5.800 metros cadrados, que en principio estaba destinada a taller de formación de canteiros e que hoxe fai de gran rocho provincial. Esa é a crúa realidade; unha mostra máis de como o goberno da Deputación, e en concreto neste caso, o Partido Socialista, non fan as cousas que prometen, porque en innumerables ocasións anunciaron o seu uso como taller de cantería e tal uso non se dá a estas instalacións”.

Castiñeira considera “inaceptable que, despois de tantos anos e de tantas promesas para poñer en valor o que debería ser un centro de formación profesional arredor da cantería e da construción, a nave só se use como almacén. Aquí hai abandonada cantidade de pedra, outro material e maquinaria de moito valor”. En todo caso, di o portavoz dos populares, “é unha nave que debería estar servindo para formar a varios canteiros”. Destaca tamén o valor sentimental destas instalacións, “porque aquí estaba o taller de Manuel Mallo, un artista relevante, un veciño desta localidade, que o deixou para a Deputación de Lugo, que, lamentablemente, non o está a aproveitar debidamente”. Castiñeira di que, debido á deficiente xestión do goberno provincial, “novamente hai abandono onde tiña que haber persoas traballando, profesores ensinando a labrar a pedra e alumnos aprendendo o oficio de canteiro”.

Os populares piden “ao goberno da Deputación que canto antes deseñe un proxecto formativo para dar uso a esta nave”. Insisten en que “representa un valor patrimonial moi alto, de máis de dous millóns de euros”. Castiñeira lembra que “a día de hoxe estas instalacións pertencen a Suplusa, sociedade que, como é sabido, está en proceso de disolución”.

O portavoz popular lanza esta mensaxe ao goberno presidido por José Tomé: “Presten atención ao que temos, porque é moi bo ter ideas, pero as ideas hai que executalas; dende o ano 2011 é este un proxecto fallido do goberno provincial”. Sinala que “os veciños de Begonte e o seu alcalde piden que se dea uso a estas instalacións”. Destaca que “ non hai moito anos se fixo un investimento de 160.000 euros para reparar a cuberta, e novamente ese investimento non foi acompañado dun proxecto formativo na liña que estaba previsto: centro de formación de canteiros, porque esta é unha zona na que tradicionalmente houbo bos canteiros, un oficio con moito arraigo en Galicia que non debe perderse”.

Castiñeira resume: “Pedimos ao goberno da Deputación que poña todos os medios para que canto antes esta nave funcione como un centro de formación e non como rocho de obxectos da Deputación de Lugo; cumpran as súas promesas. Gómez Besteiro non foi capaz de facelo; Darío Campos tampouco e tememos que José Tomé, que ten pouca disposición, non sexa capaz de facelo”.

Etiquetas