Skip to main content
Actualidade

Nova proxección esta fin de semana na casa museo de Manuel María

Por 21 Outubro, 2020Sin comentarios

A Casa-Museo Manuel María acolle este sábado, ás 19 h, a proxección de Reboiras, acción e corazón, unha longametraxe documental escrita e dirixida por Alberte Mera e producida pola Fundación Terra e Tempo que leva á pantalla un retrato fiel de Moncho Reboiras desde a vertente humana e política. Moncho Reboiras foi asasinado na madrugada do 12 de agosto de 1975 cando contaba con 25 anos, resultando ser, ao fin, a última vítima mortal en Galiza da ditadura franquista.
O filme combina o documental coa ficción para recrear a súa vida e pensamento valéndose, por unha parte, das testemuñas que con el partillaron diversas etapas da vida, asi como dos familiares e, pola outra, revive a través de secuencias de ficción as últimas horas de Xosé Ramón Reboiras Noia, incluíndo filmacións históricas.
Após a proxección haberá un coloquio con algúns dos compañeiros de Reboiras. A entrada para esta actividade é libre mais é imprescindíbel facer reserva previa a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.
Xosé Ramón Reboiras Noia, con só 25 anos, sufriu múltiples disparos da policía na rúa da Terra de Ferrol. Aquel mozo de conviccións nacionalistas convertérase moi cedo en destacado membro da clandestina Unión do Povo Galego, a través da cal foi alicerce fundamental na organización de amplos sectores da sociedade galega en frontes de actuación como a sindical, a cultural ou a política.
O réxime era sabedor das grandes habilidades de Reboiras para impulsar as organizacións de masas do nacionalismo galego, mais o propio Moncho tamén era consciente da crueldade do réxime e do perigo que el mesmo afrontaba. Este filme documental é o primeiro sobre o último loitador galego morto en desigual combate contra Franco.