Volve adiarse a colocación do Hectómetro Literario dedicado a Fernán Vello

A erección dun novo Hectómetro Literario no Paseo dos Soños (o número XIV), por iniciativa da Asociación Xermolos e a Irmandade Manuel María, previsto primeiro para abril e depois para o 24 de outubro, volverá adiarse debido ao empeoramento das condicións sanitarias en Vilalba.

O monolito estará dedicado ao creador chairego Miguel Anxo Fernán Vello, poeta e editor. Debido á situación sanitaria suprimírase xa a táboa redonda na casa da cultura de Vilalba, na que ían intervir poetas chairegos e estudosos da súa obra, que os organizadores agardan poder celebrala na primavera arredor do Día da poesía. Finalmente decidiron aprazar todo o evento.

No Paseo dos Soños de Vilalba teñen xa cadanseu Hectómetro Literario Paco Martín, Manuel María, Agustín Fernández Paz, Darío Xohán Cabana, Xabier P. Docampo, Xosé Manuel Carballo, Margarita Ledo, Helena Villar-Xesús Ràbade, Xosé Chao Rego, Ramón Luis Chao, Xulio Xiz, Mini e Mero, e Alfonso Blanco Torrado.

Etiquetas