Rematan as obras no primeiro andar da casa consistorial de Guitiriz

O Concello de Guitiriz rematou as melloras e redistribución de diferentes estancias situadas no primeiro andar da casa consistorial, que anteriormente non contaban coa disposición adecuada para cubrir as necesidades dos traballadores e da cidadanía. O orzamento empregado para levar a cabo as obras foi de 40.000 euros.

Desde o comezo do novo mandato, o goberno local de Guitiriz detectou unha serie de necesidades, tanto de tipo estrutural como laboral, na actual disposición do edificio do Concello. Antes de ditas reformas, existían postos de traballo situados en zonas de circulación onde se facía difícil realizar as tarefas propias da administración.

Con este proxecto, conseguíronse reubicar postos de traballo co criterio dunha maior eficiencia e un organigrama máis axeitado ás necesidades actuais. Estas melloras aportan unha maior comodidade aos traballadores municipais, con maior transparencia e facilidade a hora de resolver as súas necesidades.

As actuacións levadas a cabo comprenden:

  • Peche dun posto de traballo, antes ubicado na zona de circulación, incorporándoo ó despacho anexo.
  • Substitución dunha división existente entre os despachos que se atopan detrás do ascenso, cunha porta de paso para facilitar a relación interna dos traballadores.
  • División do actual despacho de alcaldía en dous, dado que previamente tiña unhas dimensións excesivas para a súa función.

O proxecto inclúe a dotación de mobiliario para os despachos e estancias resultantes como mesas, caixoneiras, armarios, cadeiras ergonómicas e cadeiras confidentes.

Actuación previa na planta baixa

Previamente ao inicio destes traballos, o Concello xa levou a cabo unha serie de pequenas modificacións para mellorar a accesibilidade na zona de atención ao público situada na planta baixa do edificio, substituíndo o mostrador existente por unhas mesas, máis baixas e funcionais.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, destacou que “con poucos recursos conseguimos mellorar substancialmente o traballo do día a día e a relación laboral dos técnicos coa veciñanza”.

Etiquetas