Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

A Xunta financiará a rehabilitación da antiga Cámara Agraria de Outeiro de Rei

Por 28 Outubro, 2020Sin comentarios

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achegará un total de 44.563,27 euros ao Concello de Outeiro de Rei co fin de financiar a adquisición da antiga Cámara Agraria, localizada en pleno núcleo urbano, para acometer a súa rehabilitación e destinalo a servizos sociais.

Con este fin, a conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde José Pardo veñen de asinar telematicamente un convenio de colaboración que lle dará acceso a este municipio lucense ao Fondo de Cooperación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), un instrumento para apoiar aos concellos de menos de 50.000 habitantes no financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.

En concreto, a achega económica comprometida pola Xunta permitiralle ao Concello de Outeiro de Rei dispoñer dun total de 44.563,27 euros co fin de financiar esta actuación, unha contía que poderá devolver ao IGVS en oito anualidades, de forma cómoda e sen xuros.

Grazas á cantidade percibida con cargo ao Fondo de Cooperación, o Goberno local poderá comprar o inmoble localizado no número 10 da estrada N-VI. Antigamente este edificio estivo destinado a Cámara Agraria e na actualidade alberga a oficina de Correos e serve de local para a Asociación ADSG Santa Isabel. Unha vez completada a súa rehabilitación, a intención do Concello é dedicalo á prestación de servizos sociais.

Novas solicitudes de financiamento por 2,2 millóns

Cómpre lembrar que o Fondo de Cooperación do IGVS se puxo en marcha no ano 2017, cunha dotación inicial de 10 millóns de euros e co obxectivo de facilitarlle aos concellos o financiamento necesario para acometer proxectos de rehabilitación mediante a concesión de préstamos sen xuros. Grazas aos compromisos asumidos vía convenio durante o período 2017-2019, outorgáronse xa 4,98 millóns de euros para garantir a execución de 18 actuacións de rehabilitación e conservación de inmobles nunha decena de municipios.

Ademais, ao abeiro da convocatoria do Fondo realizada este ano –cuxo prazo para a presentación de solicitudes se abriu o 7 de xullo e rematou o pasado 1 de outubro- estanse tramitando peticións por un importe global de 2,2 millóns de euros, incluída a actuación para a adquisición dun inmoble para a súa rehabilitación por parte do Concello de Outeiro de Rei.