Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Licitan as obras de humanización da contorna do auditorio de Vilalba

Por 29 Outubro, 2020Sin comentarios

Licitan as obras de humanización da contorna do auditorio de Vilalba Licitan as obras de humanización da contorna do auditorio de VilalbaO Concello de Vilalba informa á veciñanza da licitación obras para humanizar á área do auditorio municipal Carmen Estévez, no casco urbano da cidade.

Concretamente, os traballos realizaranse na confluencia das rúas Pedreira, Porta da Cima e Pita da Veiga. Actualmente, estas vías presentan graves problemas xerados polo tráfico de vehículos e peóns, especialmente na rúa Pedreira, que soporta un intenso tráfico xa que da servizo de entrada e saída a numerosas vivendas e ao auditorio.

O fluxo de tráfico peonil é moi elevado tamén debido ós residentes da zona e ós usuarios do auditorio. Estes peóns teñen que circular pola calzada, xa que non existen beirarrúas ou ben son discontinuas. Esta problemática, sumada ao intenso tráfico de vehículos, xera continuas situacións de risco de atropello.

Doutra banda, esta zona é vía de acceso ao casco histórico da cidade, sendo unha zona de transición entre a zona ‘nova’ e a área histórica. Porén, actualmente semella un espazo non resolto entre ambas realidades urbanas, xa que non se acompaña dun deseño claro que mitigue o impacto entre as dúas zonas, aspecto que se pretende mellorar con estas intervencións.

Ademais, a contorna caracterízase pola escaseza de zonas verdes ou espazos públicos de calidade, como prazas ou zonas de recreo.

O proxecto propón unha ampliación do espazo destinado aos peóns, reducindo así a presencia de vehículos. Tamén está prevista a creación dunha zona verde con céspede e árbores. Doutra banda, preténdese instalar unha pérgola con vexetación así como bancos, papeleiras e unha fonte.

Ademais, dotarase ás vivendas de acometidas varias e demais suministros necesarios, como as redes de abastecemento e saneamento, a acometida do gas e novos servizos de alumamento.

As intervencións contan cun orzamento de 166.000 euros. “Os peóns gañarán protagonismo nunha zona máis humanizada”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.