Bonos consumo Vilalba

A Deputación axuda coa tecnoloxía LED aos concellos adheridos ao ILUMIN@

A Deputación axuda coa tecnoloxía LED aos concellos adheridos ao ILUMIN@

A voceira socialista da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, informou este venres de que a Xunta de Goberno aprobou adxudicar por preto de 530.000€ a compra e instalación de material eléctrico de tecnoloxía LED dentro do plan Ilumin@, o proxecto co que a institución provincial axuda aos 38 concellos que decidiron sumarse á iniciativa a aforrar na factura eléctrica de instalacións municipais.

O contrato divídese en tres lotes, cada un por unha zona xeográfica da provincia, de maneira que o Lote 1 correspóndese cos concellos de Meira, Burela, A Pastoriza, Riotorto, Lourenzá, Ourol, Mondoñedo, Xermade, O Vicedo, Ribeira de Piquín, Alfoz, Trabada, O Valadouro e Vilalba. O Lote 2 correspóndese con: Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, Cospeito, Friol, Guntín, Láncara, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz e Rábade. E o Lote 3 aglutina aos concellos da Pobra do Brollón, As Nogais, Carballedo, Folgoso do Courel, Monforte de Lemos, O Incio, O Páramo, O Saviñao, Pantón, Quiroga, Samos e Sober.

García Porto lembrou que o plan Ilumin@ está dotado con 723.000 euros, dos que o 80% son fondos europeos que a Deputación conseguiu a través do IDAE (Instituto de Desenvolvemento de Aforro Enerxético), un organismo dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Con este proxecto, explicou a Deputada, os 38 concellos da provincia que decidiron adherirse cambiarán en total unhas 3.200 luminarias por outras de tecnoloxía LED, o que supoñerá un aforro conxunto de 62.000€ ao ano, isto é, ata un 63% da facturación eléctrica das instalacións municipais nas que se actuará, fundamentalmente alumeados públicos exteriores. Ademais, a tecnoloxía LED permitirá reducir o consumo nun total de 450.000 quilovatios ao ano, o que minimizará tamén a pegada de carbono.

Pilar García Porto subliñou que o plan Ilumin@ “forma parte do obxectivo estratéxico desta Deputación de cooperar cos municipios para que poidan prestar servizos públicos eficientes á cidadanía aforrando custes, pero tamén preservando o medio ambiente”.

Apoio ao sector primario

Por outra banda, o Goberno aprobou unha achega de preto de 80.000 euros entre este ano e o que vén á Asociación de Criadores de Raza de Porto Celta (Asoporcel) para colaborar nun plan de fomento da produtividade, competitividade e rendibilidade das granxas de porco celta.

A voceira socialista explicou que este proxecto de Asoporcel impulsado pola Deputación “ten como obxectivo facilitar aos gandeiros e gandeiras as ferramentas necesarias para que as súas granxas acaden a máxima rendibilidade e que a produción teña a mellor saída comercial”. A través deste plan proporcionarase asesoramento e formación dos gandeiros, control da xestión dos aspectos sanitarios de produción, control das medidas de bioseguridade e mantemento das instalacións, e control da trazabilidade da produción e tamén con aspectos comerciais e publicitarios.

“A finalidade última é, polo tanto, profesionalizar o sector, asentar as ganderías existentes e atraer á xente nova a iniciar unha actividade gandeira que resulte atractiva como xeito de vida”, subliñou a Deputada, quen enmarcou esta “colaboración importante  da Deputación con ASOPORCEL no noso apoio ao sector primario como base e motor da economía da provincia, traballando da man do propio sector produtivo e tamén da Universidade. Un sector primario forte, diversificado, innovador e con valor engadido crea emprego sostible e contribúe a fixar poboación no rural”.

A Xunta de Goberno aprobou un convenio co sindicato UXT por 20.000 euros para ofrecer asesoramento a persoas afectadas por ERTE e a persoas desempregadas, “algo que consideramos moi importante para axudar cara unha saída xusta da crise provocada pola pandemia”, indicou Pilar García Porto. 

Protección contra incendios e agrupación de terras

Outros asuntos aprobados hoxe na Xunta de Goberno foron a licitación do contrato do servizo de inspección e mantemento das instalacións de protección contra incendios nos edificios dependentes da Deputación por un importe de 57.600 euros e dous anos de duración, así como a aprobación de 6 contas xustificativas de axudas concedidas pola institución a través do Plan de Recuperación e Incorporación de Terras para a Posta en Produción de Recursos Agrogandeiros. En total, suman 13.264 euros para a posta en produción de case 30 hectáreas nos concellos de Triacastela, Castro de Rei, Cospeito, Begonte e Lugo.

Etiquetas