A Deputación supervisa obras en tres estradas de Guitiriz

A Deputación supervisa obras en tres estradas de GuitirizO presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou este xoves varias actuacións financiadas pola institución provincial cun total de máis de 1,4M€ no concello de Guitiriz durante a visita que realizou esta mañá ao concello chairego, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e a Alcaldesa, Marisol Morandeira.

En concreto, José Tomé supervisou a execución de obras de mellora en tres estradas provinciais que contan cun investimento de 263.000€ e o proxecto de construción do Centro de Atención a Maiores na Casa da Botica, adxudicado en 1,2M€.

Unha das actuacións en estradas provinciais ao seu paso por Guitiriz, xa rematada, consistiu no arranxo da rúa Mercado, que, partindo da N-VI, discorre cara a parroquia dos Vilares, na LU-P-2301, debido a que as lousas de pedra natural, nalgúns casos estaban soltas e noutros romperan. “Entendemos que era precisa esta actuación para darlle unha solución definitiva ós problemas que veñen padecendo os veciños e veciñas que transitan por ela, repoñendo a totalidade das lousas de pedra natural e reforzando os pozos e rexistros”, explicou Tomé Roca.

Outra obra, que estará finalizada nos vindeiros días, ten lugar na estrada provincial LU-P-2305, que vai dende A Pena Moscosa (N-VI) ata Parga. As obras consisten en dotar á estrada de beirarrúas en ámbolos dous lados, nun treito de 200 metros. Esta vía discorre entre vivendas e supón o acceso a dúas estradas que xa contan con beirarrúas. Aproveitando esta actuación tamén se canalizan as augas a través de tubaxe e sumidoiros. Esta actuación mellorará así mesmo a seguridade dos nenos e nenas que residen nas vivendas da rúa no seu traxecto de ida e volta ao colexio.

A terceira actuación na rede viaria provincial ao seu paso por Guitiriz que visitou hoxe o Presidente foron os traballos de rehabilitación do firme da LU-P-2302, que comunica a capitalidade de Guitiriz co concello de Sobrado dos Monxes, na provincia da Coruña. As actuacións teñen lugar nun treito de 6 quilómetros, entre os puntos 3,5 e 9,5. Consisten no acondicionamento con aglomerado en quente, a limpeza de cunetas, o reafirmado dos bordes, e a sinalización horizontal. Ditos traballos xa están rematados.

José Tomé subliñou que con estas actuacións a Deputación segue avanzando “nun dos nosos principais obxectivos, como é a mellora das comunicacións viarias, necesarias para aumentar a calidade de vida dos veciños e veciñas, e favorecer a igualdade de oportunidades e o reequilibrio territorial”.

Pola súa parte, a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, quixo agradecer “a presencia do Presidente da Deputación de Lugo en Guitiriz e o investimento económico que a institución provincial está a realizar no noso municipio. Este apoio é moi importante para que Guitiriz siga crecendo e para aumentar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.

Avances na Casa da Botica

O Presidente aproveitou a visita a Guitiriz para comprobar o estado das obras que o organismo provincial está levando a cabo na Casa da Botica, onde se situará a residencia de maiores da localidade chairega, unha dotación social moi demandada pola veciñanza, “froito da colaboración entre a Deputación e o Concello, que mellorará o benestar social e creará emprego sostible na zona”, destacou Tomé Roca.

A empresa adxudicataria do proxecto xa desmontou a cuberta do edificio vello e fixo un baleirado e retirada dos escombros, quedando só as paredes e as medianeiras do inmoble. No edificio novo, as obras consistiron na escavación e cimentación. Actualmente, estanse a facer os traballos de soleira e da rede de saneamento do edificio.

A rexedora destacou que “grazas ao compromiso da Deputación vaise transformar a Casa da Botica nunha residencia de maiores que mellorará o benestar social. Esperemos que se axilicen as obras o antes posible porque é unha infraestrutura moi relevante para toda a veciñanza”

O centro de maiores de Guitiriz ofrecerá 52 prazas repartidas en 26 habitacións, que poden ser habilitadas dobres. Seguindo o modelo de xestión establecido entre a Deputación e os concellos, os veciños e veciñas de Guitiriz terán prioridade de acceso, logo os dos restantes municipios da comarca da Terra Chá e, seguidamente, lucenses en xeral. Do mesmo xeito, o prezo da praza adaptarase á capacidade económica de cada maior para que todos poidan acceder á mesma.

O modelo de residencias da Deputación de Lugo, lembrou o Presidente, garante que os usuarios e usuarias “poidan seguir vivindo preto dos seus familiares, dos veciños e amigos, mantendo o arraigo á súa terra, nun centro público no que reciben unha atención próxima e de calidade”. Estas características dos centros de maiores provinciais, engadiu José Tomé, “repercuten no seu benestar físico, pero tamén no benestar emocional, ademais na tranquilidade das familias”.

Etiquetas