Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Medio Rural destinará cartos a novas axudas nos sectores da flor e do vacún de carne

Por 30 Outubro, 2020Sin comentarios

A Xunta convoca as axudas directas para a continuidade dos sectores de flor cortada e planta ornamental e de vacún de carne, cun orzamento total de 12 millóns de euros. Deste orzamento, tres millóns de euros serán para os produtores de flor e planta ornamental e os outros nove para as explotacións de orientación produtiva cárnica de bovino.

Tal e como recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG), estas achegas son temporais e excepcionais e van destinadas a dous dos sectores agrarios máis desfavorecidos pola incidencia da crise da Covid-19. Trátase de subvencións que están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Así, as especiais circunstancias que se produciron como consecuencia da emerxencia sanitaria provocaron amplas restricións de movementos dos produtos agroalimentarios, así como o peche obrigatorio de establecementos comerciais, mercados, restaurantes, outros establecementos hoteleiros, actividades culturais e actividades recreativas, ocasionando unha interrupción económica para determinadas actividades do sector primario, que provocou importantes problemas de liquidez e fluxo de caixa para os produtores.

Mediante esta orde da Consellería do Medio Rural preténdese garantir a continuidade da actividade empresarial nestes dous eidos agropecuarios. A selección destes sectores fíxose de xeito consensuado cos integrantes do Consello Agrario, no que están representadas as organizacións profesionais agrarias, aos que o pasado 16 de xuño se lles pediu colaboración para determinar aqueles eidos máis afectados. Así, para seleccionalos tivéronse en conta criterios obxectivos sobre perdas constatables que poden supoñer un risco para a súa continuidade empresarial.

Neste senso, poderán solicitar estas achegas as persoas titulares das explotacións agrarias de flor cortada e de viveiros de planta ornamental; así como as súas asociacións, agrupacións ou organizacións de produtores e aqueles que realicen a comercialización dos produtos dos seus socios. Tamén poderán ser beneficiarios as persoas titulares de explotacións agrarias con orientación produtiva cárnica de vacún.

Requisitos

Para iso, no caso dos produtores de flor cortada e da planta ornamental, deberán estar inscritos no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA) e dados de alta no réxime agrario da Seguridade Social. No caso dos viveiros, terán que estar autorizados e rexistrados para a produción de especies e grupos de especies establecidas e ter realizada a declaración de cultivos e de comercialización anual.

No caso das explotacións agrarias con orientación produtiva cárnica de vacún, deberán estar inscritas no REAGA con clasificación zootécnica de reprodución para produción de carne ou mixta, que tiveran ao menos 10 vacas nutrices, calculadas a data 14/03/2020 en base á información existente na base de datos oficial de explotacións gandeiras e de identificación individual dos animais bovinos.

Por último, as empresas que se dediquen á comercialización poderán ser beneficiarias sempre que teñan a consideración de pequena e mediana empresa agraria e non teñan a condición de empresas en crise. En todos e cada un dos supostos, deberán acreditar ter desenvolto actividade antes do 1/1/2020.

Importes e solicitudes

As axudas consistirán nun pagamento a tanto alzado, pero o importe máximo da axuda non poderá superar os 7.000 euros por produtor e os 50.000 euros por peme. Porén, as persoas solicitantes poderán beneficiarse das axudas por produtor e por comercializador se reúnen os requisitos para cada unha delas.

Así, segundo o tipo de axuda, no caso dos produtores de flor cortada e planta ornamental, as contías oscilarán entre os 1.750 e os 7.000 euros en función do número de traballadores. No caso dos comercializadores, en función do número de socios produtores, ou no caso de ser produtores que comercializan en función do número de unidades de traballo respectivamente, as achegas oscilarán entre os 6.250 e 50.000 euros. Por último, no caso do sector de vacún de carne, a contía individualizada da axuda calcularase en función do número de vacas nutrices presentes na explotación, oscilando desde os 900 aos 7.000 euros.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, tendo de prazo un mes contado a partir de mañá, é dicir, ata o vindeiro 30 de novembro incluído.