Skip to main content

O Ceip Virxe do Corpiño estrea cociñaO presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves na inauguración da cociña do Ceip Virxe do Corpiño, no concello de Begonte, unha nova dotación para o centro educativo que financiou a institución provincial cunha achega de 3.500€ a través dun convenio de colaboración coa ANPA As Faias. Tomé Roca estivo acompañado pola Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, o director do colexio, Eliseo Real Franco, e a presidenta da Asociación de Nais e Pais, Sonia Vilasuso.

O mandatario provincial destacou que esta cociña convértese nunha dotación aínda máis importante se cabe despois de aumentar a matrícula do alumnado debido á crise sanitaria provocada pola Covid-19, permitindo aos 70 nenos e nenas do centro escolar ter unha infraestrutura para o seu obradoiro de cociña.

Ofrecer esta dotación, asegurou José Tomé, “favorece a conciliación, mellora os hábitos alimenticios dos nenos e nenas, e tamén reforza as habilidades sociais e coñecementos transversais que complementan o que se aprende na aula” porque “compartir mesa é un xeito de xerar lazos e amizades, de fomentar a convivencia, e de tomar conciencia da necesidade de respectar ós demais se queremos que nos respecten”.

Este espazo acollerá obradoiros de cociña, “unha actividade formativa que supón un estímulo para a creatividade, pero tamén coñecer de primeira man os valores nutritivos dos alimentos ou a importancia dunha dieta variada, o que repercute na saúde”, afirmou o Presidente.

José Tomé recoñeceu o traballo da anpa Virxe do Corpiño, “un exemplo da colaboración exemplar das nais e os pais galegos no proceso educativo, este ano aínda máis destacada polos trastornos e a incerteza que a pandemia provoca ás familias. “É xusto recoñecer o sobresforzo que afrontan neste inicio de curso. Por iso, penso que as administracións, que contamos sempre co seu traballo desinteresado, temos que ter sempre canles abertas para recoller as peticións das Anpas, dialogar con elas e, na medida das posibilidades económicas, dar rápida resposta ás súas demandas”.

A cociña financiada pola Deputación está equipada cun forno e un microondas, así como cun mesado de granito e un vertedoiro para que o utilicen os alumnos e alumnas que participan no obradoiro que se imparte no centro escolar. Ademais, a achega do organismo provincial inclúe un equipamento completo de utensilios de cociña.

As Faias

A Asociación de Nais e Pais de Alumnos As Faias agrupa a unhas 34 familias do Ceip Virxe do Corpiño, o que supón un 70% do total do centro escolar. A proposta de contar cunha cociña para a o uso e aproveitamento da comunidade educativa do colexio partiu da directiva do centro e foi a ANPA a encargada de darlle forma e de buscar a maneira de facer deste proxecto unha realidade. A idea é que cada mes se organice unha actividade, dirixida a diferentes grupos de idade co fin de que ao longo do curso todos os nenos e nenas teñan a oportunidade de participar en varios obradoiros, respectando en todo momento os grupos burbulla e as medidas sanitarias de prevención da Covid-19.

As actividades e obradoiros estarán dirixidos e impartidos polo equipo de profesorado do centro, que irá adaptando a temática de cada taller ás materias e festividades que se vaian celebrando ao longo do curso académico. Este venres está previsto o primeiro obradoiro, no que participará o alumnado de Educación Infantil con motivo da festividade de Samaín.