Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAVilalbaZonas LUGOXAZonas TERRACHÁXA

Vilalba Aberta condiciona o apoio aos orzamentos coas axudas a autónomos

Por 4 Novembro, 2020Sin comentarios

Logo da posta en marcha dun proceso de participación veciñal, a fin de “urxir á necesaria negociación” ao goberno en minoría do PSOE; Vilalba Aberta segue a facer bandeira da necesidade de que o Concello de Vilalba teña, ao fin, uns Orzamentos Municipais que “contemplen a situación económica post covid” e se conciban “superadores dos prorrogados e aínda vixentes do anterior goberno do Partido Popular”.

Unha reivindicación, para a que a formación asemblearia xa comeza a esbozar as que, a día de hoxe, son as súas prioridades e incluso “liñas vermellas”, tal e como explicou o seu voceiro municipal, Modesto Renda.

Neste senso, e logo de resaltar que Vilalba Aberta “tomara unha vez máis a iniciativa” fronte a un PSOE, que “á vista dos acontecementos, semella decidido gobernar, un ano máis e por decreto, cos orzamentos do PP”; Renda quixo lembrar que o feito de que Vilalba teña orzamentos é “máis urxente que nunca para os autónomos e pemes do termo municipal”.

“Vilalba Aberta será decisiva – sempre e cando o PSOE non elixa pactar co PP – e por primeira a xente decidirá a xente”, remarcou. Con todo o voceiro asembleario explicou que, ademais das aportacións que a veciñanza lles está a facer chegar, dende a formación continúan a alertar de que “comerciantes e hostaleiros non poden máis” e nese sentido se pronunciarán na reivindicada mesa de negociación”.

“Sobran ocorrencias e urxen programas de axudas serios como os aprobados en pleno a iniciativa de Vilalba Aberta”, apuntou, en clara referencia á iniciativa dos 30€ por veciño posta en marcha polo Goberno Municipal.

PROGRAMA MUNICIPAL DE AXUDAS DIRECTAS

“Cumprir co aprobado en sesión plenaria e que os autónomos e Pemes vilalbeses/as conten coas mesmas posibilidades que os autónomos e Pemes de Guitiriz, Lugo, Viveiro e a Pontenova, entre tantos outros concellos gobernados polo PSOE ao longo da Provincia”. Así resumía Renda o primeiro dos que serán os eixos estratéxicos da formación, de cara á urxencia duns Orzamentos de reconstrución.

A reivindicación, que parte da necesidade de actuar de xeito inmediato diante das consecuencias derivadas da crise económica provocada pola aparición do covid, trata fundamentalmente de salvar a actividade económica (moi especialmente aquela de tipo comercial, hostaleira e de servizos, en tanto que principal afectada polo mesmo) no termo municipal.

Unha traballada adaptación do Plan Reanima posto en marcha por parte do Goberno do Concello de Lugo, que Vilalba Aberta conseguiu aprobar en Pleno acompañada dunha extensa e minuciosa memoria económica e de tramitación e que, tal e como denunciaron, “o Goberno tombou, para impoñer pola porta de atrás unha proposta de bonos que, nos Concellos onde se implementou, é como moito un complemento aos programas de axudas directas”

“Ao noso xuízo, a intención do Goberno Municipal está clara: Anunciar un titular de 420.000 euros de inversión, isto é: o resultante de multiplicar os 30€ polo padrón, e vender unha suposta axuda a autónomos e pemes, que non é tal.” apuntou Renda.

A este respecto dende Vilalba Aberta, lembran, comprometéronse diante da representación do comercio e a hostalería asociada a non apoiar ningunha proposta de orzamento que non contemple o acordado e aprobado en Pleno e consigne o crédito a fin da posta en marcha das axudas a autónomos e pemes.

Así mesmo, dende a formación volveron censurar a “inexplicable hostilidade” do goberno do PSOE aos aprobados programas de axudas, por se tratar de “iniciativas de Vilalba Aberta” e que, no seno do goberno de coalición “xa trasladaran caendo en saco roto”; mais tamén porque “a tramitación deste tipo de axudas require dunha dinámica de traballo e de organización e planificación da que a día de hoxe carece o Concello, froito da ineficacia na xestión interna por parte do Goberno Municipal.”