Skip to main content
ActualidadeGuitirizSecciones TerraCháXAZonas LUGOXAZonas TERRACHÁXA

A Xunta declara a Buriz e Os Vilares área de rehabilitación integral

Por 13 Novembro, 2020Sin comentarios

A Xunta declara a Buriz e Os Vilares área de rehabilitación integralO Consello da Xunta de Galicia aprobou onte a declaración da área de rehabilitación integral do Buriz e Os Vilares, no concello de Guitiriz, a primeira que se declara neste concello da provincia lucense.

Trátase dun ámbito formado polas parroquias do Buriz e Os Vilares, onde se localizan os núcleos singulares de Bustelo e o asentamento polinuclear (Carelo-As Penas-Portelo-Forxa-O Buriz-A Graña), situado na contorna parroquial de San Pedro, na parroquia do Buriz; e das Reixas, Drada, Vilariño e Casanova de Vilariño na parroquia dos Vilares. Abarca unha superficie de 65.48 km2.

No ámbito da área de rehabilitación existen 234 construcións (vivendas e edificacións auxiliares), das cales un 40% (93) son vivendas e un 80% (74) son de tipoloxía tradicional. Do total de vivendas existentes (93), 19 están abandonadas e 14 só contan con ocupación temporal ao longo do ano; mentres que máis dun 60% das vivendas están ocupadas de forma permanente.

Así, os núcleos de poboación incluídos dentro da ARI contan con construcións de arquitectura tradicional de gran valor, manteñen o trazado tradicional dos seus rueiros e corredoiras, polo que a paisaxe cultural está xerada polo sistema agrario tradicional, que se manifesta nas construcións adxectivas e peches realizados coa técnica de “pedra seca” recoñecida como patrimonio cultural inmaterial da humanidade pola Unesco.

Outro elemento singular é a presenza de escolas habaneiras no Buriz e Os Vilares, ademais da escola rural de Drada; así como a casa natal do poeta Díaz Castro (ao que se lle dedicou o Día das Letras galegas no ano 2014), situada en Vilariño dos Cregos. Este último núcleo é o que articula todos demais núcleos incluídos na ARI, reforzada polo desenvolvemento da Ruta da Pedra de Díaz Castro.

Grazas á declaración desta área de rehabilitación integral, o Concello e os veciños poderán acceder á liña de incentivos que se reserven para a anualidade de 2021 do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan 2018–2021.

Así, os veciños desta área poderán acceder a subvencións para executar obras de rehabilitación en edificios e vivendas, incluídas as vivendas unifamiliares; tamén se poderán executar melloras da eficiencia enerxética e sustentabilidade nas vivendas e de fomento da conservación, mellora da seguridade de utilización e de accesibilidade en vivendas.

Mentres que o Concello de Guitiriz poderá acceder a eses fondos públicos para levar a cabo obras de urbanización e reurbanización de espazos públicos e os gastos de mantemento de equipos técnicos e oficinas de información e xestión municipais.

Coa declaración desta primeira ARI en Guitiriz, en Galicia existen 70 áreas de rehabilitación declaradas en 42 concellos, ás que se suman as tres ARI supramunicipais -xestionadas directamente polo IGVS- como son a ARI dos Camiños de Santiago, a ARI das Illas Atlánticas e a ARI da Ribeira Sacra.

En total, hai en Galicia 158 concellos en que hai polo menos unha ARI no seu territorio, é dicir, hai ARI declaradas no territorio de máis do 50% dos concellos de Galicia, o que posibilita que os habitantes deses ámbitos poidan acceder a axudas para a rehabilitación dos seus edificios e vivendas.

Por último, desde o Goberno galego destácase que coa declaración destas ARI se lles están a facilitar oportunidades aos cidadáns para mellorar a calidade das súas vivendas, póñense á disposición dos concellos fondos para a execución de actuacións de urbanización e reurbanización no ámbito das ARI e, grazas ao compromiso de todos, avánzase na recuperación e conservación do patrimonio edificatorio dos concellos de Galicia.