Bonos consumo Vilalba

Gadis participa esta semana na campaña A Gran Recollida

Gadis participa esta semana na campaña A Gran RecollidaGadis continúa envorcada co seu plan de Responsabilidade Social Corporativa ante a complexa situación actual. Todos os puntos de venda da compañía únense á campaña A Gran Recollida, que tradicionalmente impulsa a Federación Española de Banco de Alimentos Fesbal en datas previas ao Nadal.

Este ano o formato cambia debido, precisamente, ás circunstancias. Co fin de evitar a presenza de voluntarios nas tendas e facilitar a loxística, no canto de achegar produtos, os clientes poderán realizar a doazón económica que desexen nas caixas no momento de abonar a compra. Recibirán un comprobante conforme fixeron a súa achega. Será a partir de hoxe, 16 de novembro, e ata o día 22 en calquera Gadis de Galicia e Castela e León, as dúas comunidades autónomas nas que está implantada a compañía.

Supermercados Gadis colabora coa Gran Recollida desde 2014. Na campaña do ano pasado, recolléronse máis de 250.000 quilogramos de produtos grazas á xenerosidade dos clientes. Nesta ocasión, a empresa trocará a doazón económica por produtos que se axusten ás necesidades dos bancos de alimentos.

Gadis colabora habitualmente con 11 bancos de alimentos: Rías Altas (A Coruña, Ferrol e Santiago), Lugo, Ourense, Vigo, Ávila, León, Palencia, Ponferrada, Salamanca, Valladolid e Zamora) e 80 ONG´ s de Galicia e Castela e León, a través de diversas iniciativas e de campañas propias. A máis recoñecida é Maio Solidario, que xa suma oito edicións. Desde 2013, no marco desta acción, xa se entregaron máis dun millón de quilogramos de alimentos.

A compañía desenvolve un amplo programa de Responsabilidade Social Corporativa que, no exercicio pasado, supuxo un investimento de máis de 2,5 millóns de euros. Un plan que intensificou con máis accións desde que o pasado mes de marzo desatouse a crise sanitaria.

Etiquetas