Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAVilalbaZonas LUGOXAZonas TERRACHÁXA

Vilalba Aberta pide un convenio para financiar o centro de día

Por 17 Novembro, 2020Sin comentarios

O Grupo Municipal de Vilalba Aberta vén de anunciar que levará a Pleno unha nova iniciativa, coa que pretende urxir ao actual goberno en minoría do PSOE en Vilalba a solicitar da Deputación Provincial a firma dun convenio de colaboración que “asegure o financiamento do necesario Centro de Día e posibilite a súa apertura na presente lexislatura.”

Así o explicou o voceiro municipal da formación, Modesto Renda, pola vía dunha comparecencia na que censurou “a total pasividade do goberno vilalbés, logo de ano e medio de lexislatura.” Un tempo, explicou, no que outros concellos gobernados polo PSOE, entre os cales nomeou a Castroverde e Pedrafita ou mesmo ao de Pantón gobernado polo PP, “si se moveron”, asinando protocolos de colaboración co ente provincial, “a fin da posta en marcha de centros/residencias de maiores públicas para beneficio da súas veciñanzas.” “Nós non estamos no goberno; pero diante da inacción, mover ficha é unha obriga.” remarcou.

Así mesmo, Renda situou a “perspectiva da negociación dos orzamentos” como o mellor momento para actuar, “pois permitiría deixar prevista xa a consignación de crédito pactada, vincular á Deputación a fin de que a posta en marcha do centro poida ser unha realidade na presente lexislatura e cumprir, así, cun compromiso ineludible”.

Máis alá da mención ás residencias de Pol, Trabada, Ribadeo e A Fonsagrada – xa en funcionamento – e ás que, por suposto fixo referencia; Renda lembrou que durante este primeiro ano e medio de mandato, a Deputación asinou o convenio marco de colaboración co Concello de Castroverde, para a apertura deste centro a finais de ano; o protocolo con Pantón para a construción da residencia neste municipio; iniciou as obras de construción da residencia de Guitiriz na Casa da Botica e a institución provincial tamén recibiu de SUPLUSA o edificio pertencente á residencia de Meira.

XESTIÓN PÚBLICA

De entre todos os exemplos, o convenio de colaboración recentemente asinado entre a Deputación e o Concello de Pedrafita do Cebreiro – e que establece a xestión pública do centro – é, sen lugar a dúbidas, ao que Vilalba Aberta se acolle á hora de contextualizar dun xeito máis exacto a súa reivindicación.

“En Pedrafita blindouse a xestión pública e o acceso ás prazas será de xeito preferente para os veciños/as do municipio: Ese é o modelo de Vilalba Aberta”, apuntou a este respecto un Modesto Renda, que fixo fincapé no feito de que todos os veciños e veciñas que o desexen “poderán acceder a estas prazas, independentemente da súa situación económica, posto que pagarán en función dos recursos dos que dispoñan.”

ESTACIÓN DE AUTOBUSES

“Cando compartiamos Goberno, transmitímoslle ao PSOE a nosa idea de reclamar a titularidade da estación de autobuses con vistas a proxectar alí o Centro de Día, independizando e adecuando as dársenas co fin de compatibilizar os dous servizos”. Así explicaba Renda a postura de Vilalba Aberta en relación coa ubicación. Unha proposta, lembrou, que “tal e como lemos na prensa parece, agora, asumida polo Goberno; pero sen financiación non se fai nada e esta non chega do ceo”, apuntou.