Bonos consumo Vilalba

A Deputación investirá na creación dun parque acuático na Madalena

A Deputación investirá na creación dun parque acuático na Madalena A Deputación investirá na creación dun parque acuático na MadalenaO presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este xoves unha achega de máis de 680.000€ ao Concello de Vilalba para poñer en valor e ampliar as posibilidades de lecer da área recreativa da Madalena coa creación dun parque acuático.

José Tomé asinou para elo hoxe no consistorio vilalbés un protocolo de colaboración coa alcaldesa, Elba Veleiro, a través do que a institución provincial se compromete a achegar en tres anualidades -entre este 2020 e o 2022-, o 80% do investimento total necesario para sacar adiante este proxecto, que ascende a preto de un millón de euros. O 20% restante será aportado pola entidade local.

Neste acto tamén participou o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto con varios representantes da Corporación municipal.

José Tomé explicou que a institución provincial “realiza este esforzo económico para colaborar co Concello de Vilalba nunha iniciativa pola que, dende logo, merece a pena apostar”. “A Deputación de Lugo ten como papel fundamental a cooperación cos concellos. Somos o Concello dos concellos e temos que estar do lado daqueles municipios máis pequenos para que poidan ofrecer máis e mellores servizos públicos aos veciños e veciñas”.

O mandatario provincial explicou que este proxecto para renovar a área da Madalena “vai mellorar e ampliar o aproveitamento deste espazo fluvial dun xeito moi significativo. Supoñerá unha mellora nas opcións de ocio e deporte, non só para os veciños e veciñas de Vilalba, senón para os de toda a comarca da Terra Chá. Porque a Madalena vai ser, aínda máis, un exemplo de aproveitamento público e sostible dun espazo fluvial”.

“Os modelos de ocio cambian e a nosa preocupación pola paisaxe e o medio ambiente medra. A xente cada vez demanda máis espazos e actividades ao aire libre e máis aínda na actual situación a derivada da crise da Covid-19”, indicou o presidente. Este proxecto recolle “esas demandas da veciñanza e interprétaas dun xeito moderno, poñendo en valor a paisaxe e favorecendo ademais a convivencia interxeracional”.

Tomé Roca asegurou que a Deputación “apoiará sempre este tipo de iniciativas que recuperan e poñen en valor os recursos naturais como fonte de ocio de calidade, sostible e de experiencias. Un ocio que busca fomentar tamén a convivencia, o contacto entre veciños e veciñas. Iso que tanto botamos hoxe de menos e que, por iso, todos queremos recuperar cando pase a pandemia”.

OFERTA

O proxecto ten como obxectivo conseguir que a contorna do río ofreza unha oferta recreativa diversa para a veciñanza. Está pensado para dar resposta ás necesidades e gustos de todas as xeracións, permitindo non só que haxa opcións de ocio para todas as idades, senón que pola súa disposición se permita que as nais e pais poidan manter un control visual dende calquera punto dos seus fillos e fillas mentres se atopan no recinto.

Esta iniciativa simplifica a xestión e o mantemento das infraestruturas desta área recreativa, sen perder de vista o enclave natural no que se atopa. Contará con tres piscinas: unha infantil de 0,45 metros de profundidade, unha de natación para uso deportivo de 1,55 metros de profundidade máxima e outra recreativa cunha profundidade de 1,20 metros. No caso do vaso infantil, complementarase con surtidores de auga que potencien e estimulen os xogos nesa área.

Ademais, contémplase un edificio de servizos que estará semisoterrado nunha ladeira de tal xeito que a súa presenza non obstaculice as vistas ao río nin sexa obxecto disonante na paisaxe. Nesta infraestrutura integraranse os cambiadores, os aseos, a sala de socorrismo, un almacén e unha zona para recepción. Haberá tres zonas para tomar o sol, situadas a carón das piscinas.

A intención é que a transición dende a contorna da praia fluvial ao espazo propio das instalacións recreativas se conciba como un lugar único, integradas ambas zonas nunha soa. Construirase unha rampla que comunique a cota superior da plataforma coa da praza onde se dispoñen os servizos propios da praia.

Pola súa banda, na zona sur, a parte arborada servirá como límite natural e como espazo de descanso de pavimento vexetal con zonas de sol e sombra, complementando os espazos de solarium que se prevén xunto ás piscinas.

Etiquetas