Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

A Deputación presenta un orzamento para a recuperación económica

Por 20 Novembro, 2020Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A Deputación presenta un orzamento para a recuperación económicaO presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou que os Orzamentos da institución para o ano 2021 ascenden a 92,5M€ e están centrados nas persoas e na recuperación económica. “Da man dos concellos e do tecido produtivo, seguiremos contribuíndo a paliar os efectos da pandemia e axudando á reactivación da provincia de Lugo, dende o punto de vista social e económico”, entre outras medidas, dobrando os recursos para o mantemento e a creación de emprego, explicou José Tomé.

O mandatario provincial compareceu esta mañá no Salón de Actos xunto á vicepresidenta, Maite Ferreiro Tallón, e á Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, para presentar os presupostos do vindeiro ano, que serán debatidos e aprobados nun Pleno extraordinario o 30 de novembro.

“Nuns tempos coma estes, de tanta incerteza e cambios debido á pandemia da covid-19, o que necesita a cidadanía das administracións públicas e dos seus representantes políticos creo que é estabilidade, rigor e confianza. E iso é o que ofrecen estes orzamentos porque serán efectivos a principios de ano, algo fundamental no actual contexto de loita contra a crise, e polas medidas e políticas que recollen”, explicou o presidente.

Os orzamentos da Deputación de Lugo para o 2021 ascenden a 92.418.752,96€, o que supón un incremento de case un punto porcentual con respecto a este ano, unha cantidade que “alcanzamos a pesar do efecto negativo da pandemia nalgúns ingresos correntes, unha caída que, non obstante, compensamos co aumento dun 3% na participación nos tributos do Estado”.

En canto ás medidas, o presidente destacou a conxelación dos soldos dos membros da Corporación provincial no ano 2021 por decisión do Goberno. “Neste momento de crise social e económica, na que o está a pasar moi mal tanta xente, é o que debemos facer os representantes políticos, que somos persoas con vocación de servizo público por riba de todo”.

Para seguir contribuíndo á loita contra a pandemia, o Goberno reforza as súas liñas de traballo prioritarias: o apoio ao emprego dentro das políticas sociais; o impulso aos sectores produtivos estratéxicos da provincia; a cooperación cos concellos e co tecido social e a mellora da mobilidade.

Mantemento e creación de emprego

O presidente explicou que para o ano 2021 a Deputación duplica os recursos para o mantemento e a creación de emprego, chegando aos 9M€, dos que 5 están contemplados nos orzamentos e 4 proceden de fondos que o Goberno captou da Unión Europa a través da Escola de Organización Industrial (EOI), dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

Estes recursos dedicaranse a axudas para a contratación de persoas desempregadas, ó apoio ao emprendemento e a plans de formación, e tamén a plans de transformación dixital e de mellora da competitividade de PEMES e autónomos, ben de xeito directo, ou ben a través da cooperación cos Concellos ou co propio tecido produtivo. Estarán destinados, ademais, “para os colectivos máis vulnerables e para os sectores económicos máis afectados pola crise da pandemia, así como para diversificar o sector primario”, asegurou o presidente.

José Tomé cumpre así coa prioridade que marcou ao inicio de mandato de reactivar a captación de fondos europeos para relanzar a economía e o emprego e para aproveitar as potencialidades da provincia.

O emprego é unha das patas das Políticas Sociais da Deputación de Lugo, das que tamén colgan outros servizos, como benestar, igualdade, cultura, deportes, mocidade ou educación, e ás que o Goberno destina en conxunto 30M€, un terzo do total do orzamento, segundo explicou o presidente.

“Seguimos, un ano máis, asumindo competencias que debería desenvolver a Xunta de Galicia, que parece esquecer ás obrigas que lle fixa o Estatuto de Autonomía. E facémolo dende o convencemento de que é o mellor modo de garantir a calidade de vida dos veciños e veciñas desta provincia, sobre todo daqueles que máis o precisan en momentos de dificultade”, afirmou Tomé.

En políticas sociais, o mandatario provincial destacou o avance na posta en marcha de centros de atención a maiores, aos que se destinan 8M€ nos orzamentos. A previsión é que o vindeiro ano estean en funcionamento Castroverde, Pedrafita, Meira e Navia de Suarna, co cal a Deputación duplicará o número de centros abertos, pasando de catro a oito, co que creará case 190 prazas asistenciais e 100 empregos directos no rural.

O presidente destacou neste sentido que a rede pública de residencias é “unha fonte de emprego moi importante. Un tipo de emprego sostible no tempo, de calidade e no rural, o que contribúe a fixar poboación”. Puxo en valor ademais o modelo asistencial da institución: “un modelo público, de proximidade, de calidade, que pon no centro ás persoas, e non ó negocio, que dá benestar e tranquilidade ós usuarios e ás súas familias, e que crea emprego no rural”. Esta forma de xestión, engadiu “viuse reforzada na actual situación provocada pola pandemia e cremos que é un bo espello no que se poden mirar outras administracións, como a Xunta de Galicia, que admite, agora, a necesidade de revisar o seu modelo”.

Apoio aos sectores produtivos estratéxicos

José Tomé destacou que a pegada da COVID “validou a nosa aposta” polo sector primario e o turismo como actividades económicas estratéxicas na provincia, co que nos orzamentos do 2021 aumentan os recursos para accións enfocadas ao eido agrogandeiro, forestal e do mar nun 13%, ata os 2,3M€, e para turismo nun 10%, ata chegar aos 3M€.

En canto ó sector primario, “seguiremos promovendo a diversificación da produción, xerar valor engadido e contribuír á viabilidade e rendibilidade da actividade agrogandeira, forestal e do mar, con proxectos como os da Granxa Gayoso Castro ou o de Tor, pero tamén con outras colaboracións directas co tecido produtivo a través de programas concretos e axudas”, sinalou.

Con respecto ao turismo, como novidades, o presidente destacou a posta en marcha de dúas novas liñas de actuación: por unha parte, un programa para o fomento do turismo interior, con rutas ou actividades que se poidan facer nun tempo curto e que “potencien entre os propios lucenses o coñecemento e o aproveitamento da ampla oferta da provincia”, e, por outra, un plan de promoción dos produtos artesáns de proximidade, “como unha maneira de favorecer a actividade produtiva neste sector, importante dun xeito especial para o rural”.

No ámbito do turismo, engadiu José Tomé, outra das accións importantes son as rutas fluviais pola Ribeira Sacra, “un servizo ao que destinamos máis de 700.000€, sobre todo no ano no que, con seguridade, este territorio será declarado Patrimonio da Humanidade e que avanza tamén cara o recoñecemento como Reserva da Biosfera”.

Cooperación cos Concellos e co tecido social

O Goberno provincial entende a Deputación “como o Concello dos Concellos, polo que a cooperación cos 67 municipios da provincia é unha política transversal que imos seguir desenvolvendo no 2021”, afirmou o presidente. Neste sentido, o Plan Único, como “principal instrumento de cooperación” da entidade, estará dotado con 11M€ no orzamento, que se elevarán ata superar os 21,3M€ coa incorporación de remanentes, como se veu facendo ata agora.

Tomé incidiu en que este programa fai “un reparto transparente e obxectivo dos fondos públicos da Deputación entre todos os concellos, de todas as cores políticas, dándolles autonomía para utilizalos segundo as súas características e necesidades”, mentres a Xunta de Galicia segue “sen cambiar a súa política de distribución discrecional de fondos públicos”. O presidente pediu de novo ao Goberno galego que “tome nota e faga un reparto equitativo e xusto dos seus recursos, sen partidismos, porque iso beneficia aos veciños e veciñas”.

A maiores do Plan Único, aínda que neste mesmo marco de cooperación, a Deputación poñerá en marcha un Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Públicos e Comunitarios, que este ano comeza con 300.000 euros, e que está dirixido “a atender as necesidades veciñais en materia de servizos ou equipamentos, actuacións que melloran moito a vida dos veciños e veciñas”, explicou José Tomé.

Mellora da mobilidade

Demostrando que a mellora da mobilidade é unha prioridade do presidente, anunciou unha subida do 14% nos fondos para estradas, ata superar os 16M€, un esforzo económico que servirá para a mellora, desbroce, conservación e mantemento da rede viaria provincial, a máis extensa de España, con máis de 4.200 quilómetros, e tres veces maior ca da Xunta en Lugo.

“A nosa aposta pola mobilidade como dereito básico dos veciños e veciñas da provincia vai unida ó convencemento de que unha boa rede de estradas resulta fundamental para o equilibrio territorial e o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e achegar servizos. Ademais, en tempos de crise, a obra pública pode e debe actuar como un motor que incentive a actividade económica e xere emprego directo e indirecto”, explicou José Tomé.