Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAVilalbaZonas LUGOXAZonas TERRACHÁXA

Un total de 11.000 veciños solicitaron o bono da campaña Reactiva Vilalba

Por 21 Novembro, 2020Sin comentarios

O Concello de Vilalba informa de que xa recibiu unhas 11.000 solicitudes de veciños e veciñas para ter os seus bonos de consumo da campaña #ReActivaVilalba.

O Concello inxectará máis de 420.000 euros ao comercio local a través de bonos de 30 euros que a veciñanza pode solicitar ata o 30 de novembro e gastar ata o 8 de decembro. Ademais das 11.000 solicitudes, hai 135 establecementos ou profesionais adheridos á campaña.

Calquera persoa empadroada no Concello de Vilalba pode solicitar os bonos, non é necesario ter ningún tipo de antigüidade. No caso de menores ou de persoas con discapacidade, será a nai, o pai, o titor/a ou representante legal quen o faga no seu nome. Son 30 euros para cada persoa (se nun domicilio viven cinco persoas empadroadas, correspondenlles 150 euros en total).

O procedemento de solicitude será preferiblemente telemático a través da web www.bonosconsumovilalba.com. Unha vez o concello comprobe os datos achegados polo solicitante, emitirase un bono cun código QR que se enviará a través do correo electrónico á persoa solicitante. De non ser posible solicitar o bono telemáticamente, os participantes poden inscribirse na Casa do Concello en horario de 9:00 a 14:00.

“Con esta iniciativa pretendemos reactivar o comercio local, un sector prexudicado pola actual crise, axudando tamén ao consumo da veciñanza”, explica Marta Rouco, concelleira de Comercio.

Para comprar cos bonos de consumo, os solicitantes deberán presentar o bono nos establecementos adheridos á campaña, dispoñibles na páxina web do programa. Os bonos deberán trocarse nunha única compra, nunha soa tenda e puidendo facer compras superiores a 30 euros, sempre que se pague a diferenza. Non se poderán trocar por compra de tabaco, bebidas alcohólicas ou xogos de apostas.