Taboada y Ramos S.L.

As Pontes incrementa o seu orzamento en 3,5 millóns de euros

O Concello das Pontes aprobou por unanimidade durante unha sesión plenaria extraordinaria urxente, un expediente de crédito extraordinario, por valor de 3.564.549,66 millóns de euros, que permitirán aumentar o orzamento local para contribuír á reactivación económica do municipio e afrontar a crise provocada polo covid-19, cun aumento do investimento en obra pública, enerxías renovables, formación e desenvolvemento de chan industrial.

Así, o Concello das Pontes investirá 1,7 millóns de euros na execución de diferentes obras públicas entre as que destacan a instalación de equipamentos infantís no parque municipal, as obras de instalación de iluminación na zona interior do parque Lesneven, a mellora da seguridade viaria na rúa Monte Medulio, as obras de mellora na entrada do CEIP A Fraga, no cruce da Avenida vda Habana e Rúa Doutor José Varela González, así como a mellora de pavimentos nas rúas Ourense, Rosalía de Castro e A Constitución e a mellora viaria no tramo comprendido entre Avenida da Habana, o Poboado do Barreiro e Polideportivo Municipal.

PROXECTOS

Mediante este crédito o Concello das Pontes tamén ten previsto executar a mellora do acceso peonil ao lago, a substitución do Punto de Información Turística, a mellora e substitución cerramento do Lago e o mantemento e mellora da sinalización horizontal en vías urbanas xunto co mantemento dos parques infantís municipais.

Ademais na contorna rural levará a cabo a construción zona multideportiva ao aire libre en Bermui, o acondicionamento e mellora do parque infantil de Ribadeume, o acondicionamento do edificio municipal da AAVV A Faeira, a rehabilitación e pintado das fachadas no edificio municipal da antiga escola de Ribadeume, a creación dun portal de entrada ao lago na Esfarrapa e a execución dos asfaltados nos viarios da Poupariña, Tras a Serra, Suarriba e Ferreria, entre outras actuacións.

Por outra banda, o Concello destinará unha partida económica de 144.000 euros á formación para persoas desempregadas co obxectivo de contribuír a mellora a súa empregabilidade e facilitar a súa incorporación ao mercado laboral, atendendo ás demandas do tecido empresarial local.

Finalmente, o Concello dedicará unha partida económica de 300.000 euros a estudos e traballos técnicos para a promoción de chan industrial no Tesouro, Portorroibo e Codesas e unha partida de 609.112,73 euros a investimentos en enerxías renovables derivadas do PACES e do estudio de potencialidade de enerxía renovable do Concello.

Etiquetas