Skip to main content
ActualidadeAs PontesSecciones TerraCháXAZonas LUGOXAZonas TERRACHÁXA

As Pontes intégrase na Rede de Entidades Locais para a Axenda 2030

Por 25 Novembro, 2020Sin comentarios

O Concello das Pontes acordou, por unanimidade, durante a sesión plenaria extraordinaria urxente, a adhesión á Rede de Entidades Locais para a Axenda 2030 da Federación Española de Municipios e Provincias.

A concelleira responsable da área de Turismo, Elena López, sinala que “o grupo de goberno local ten o compromiso firme de traballar para fomentar a sensibilización no coidado da contorna, na sustentabilidade medio ambiental e os valores de igualdade que garantan un futuro mellor á cidadanía. A adhesión a esta rede constitúe unha gran oportunidade para traballar e sumar esforzos para combater a desigualdade na esfera ambiental, económica e social”.

Con este acordo, o Concello das Pontes comprométese a adoptar a axenda 2030 de Nacións Unidas, así como mobilizar os medios oportunos para a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, elaborando unha estratexia para a implementación da Axenda 2030 no concello, de maneira coordinada e transversal entre todas as áreas municipais.

Ademais o goberno municipal adquire o compromiso de promover alianzas con outros territorios, administracións e organizacións para fomentar a cooperación na implementación da Axenda así como facilitar información, difusión e sensibilización sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) entre os veciños e veciñas das Pontes para que contemplen que a Axenda é cousa de todas e todos, estimulando a que participen activamente na implementación da Axenda 2030 no municipio.

Por outra banda o Concello con esta adhesión comprométese a organizar talleres e crear espazos que favorezan o coñecemento dos ODS e a súa implementación no ámbito local, coa colaboración de colectivos sociais, culturais e empresariais.

AXENDA 2030

No 2015, os 193 Estados membros das Nacións Unidas aprobaron a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, como folla de roteiro cara un novo paradigma de desenvolvemento no que as persoas, o planeta, a prosperidade, a paz e as alianzas toman un rol central.

A Axenda 2030 conta con 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), que substitúen os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) e guiarán o traballo das Nacións Unidas ata o ano 2030, e entre os que se atopan poñer fin á pobreza en todas as súas formas en todo o mundo, garantir unha vida sa e promover o benestar para todos en todas as idades, garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todas as persoas, lograr a igualdade entre os xéneros e o empoderamento de todas as mulleres e nenas, adoptar medidas urxentes para combater o

cambio climático e os seus efectos (tomando nota dos acordos celebrados no foro da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático) e fortalecer os medios de execución e revitalizar a alianza mundial para o desenvolvemento sostible .